Ponteareas | O Concello de Ponteareas e o Obradoiro de Emprego Xuvenil reúnense para programar as accións conxuntas que realizarán para dinamizar a vila.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o concelleiro de Ensino, Ricardo González, o concelleiro de Mocidade, Cristian Montes e o equipo directivo e docente do obradoiro mantiveron un encontro no que estudar as posibles intervencións que deseñará e desenvolverán o alumnado guiado polo profesorado.
Na reunión abordouse a axenda de todo o ano e avaliáronse iniciativas que de xeito transversal difundan e poñan en valor o patrimonio material e inmaterial da vila a través de actividades atractivas para a xuventude.
Programar accións de formato novidoso para as mozas e os mozos que os leven a coñecer as e os persoeiros da vila, as tradicións, o folclore e o patrimonio é o obxectivo desta alianza. O obradoiro de emprego xuvenil beneficia a vinte xoves pero tamén deixará a súa pegada implantando melloras no sector turismo e na oferta lúdica para a mocidade.
Ao longo de todo o ano obradoiro e Concello traballarán de xeito conxunto coordinado coas distintas concellerías para integrar as súas accións na programación cultural, na xuvenil e na turística.
A alcaldesa salienta a oportunidade que supón contar coa experiencia e coñecementos do profesorado e co talento e xuventude do alumnado que “de seguro aportarán propostas innovadoras e a medida do que a nosa mocidade demanda para o seu tempo de lecer”.