Ponteareas | A concelleira de Economía e Facenda, Belén Villar González respondeu hoxe ás manifestacións realizadas polo BNG nas que se aseguraba que unha sentenza xudicial obrigaba ao Concello a pagar máis de 740.000 euros a SOGAMA.
A responsable de Facenda explicou que o convenio que o Concello está a punto de asinar con esta empresa, anula todas as sentencias xudiciais, toda vez que existe “unha inequívoca intención de establecer un plan de pagos da débeda que se mantén con SOGAMA”.
Belén Villar subliñou o feito de que “dende o ano 2011, en que este Concello asinou un contrato con SOGAMA para entregar os residuos para a súa xestión, non se pagara ningunha factura, ni os que estiveron no 2001, nin os que o fixeron durante os anos posteriores, entre os que tamén gobernaron aqueles que, hoxe, acusan a este Goberno de falta de xestión”. Lembra a Concelleira de Facenda que foi Salvador González Solla, “á súa chegada á Alcaldía, o que asinou o primeiro convenio de pago e o primeiro que se preocupou por facer fronte a esta débeda”.
Pola súa banda, o alcalde Salvador González Solla asegurou que “non deixa de ser sorprendente que aqueles que falan de mala xestión, sexan os mesmos que, durante o pouco tempo en que gobernaron, non foron quen de liquidar as contas nin dos anos anteriores nin as dese mesmo ano 2003, non elaboraron ningún tipo de orzamento, non abonaron os pagos á Seguridade Social, IRPF, consumo eléctrico e unha longa lista de incumprimentos de pago”.
Para o Alcalde de Ponteareas, o máis lamentable de todo é que “os que pretenden dar leccións de xestión e responsabilidade” son os mesmos que durante o seu goberno non fixeron ningún tipo de pago e, lonxe de asumir algún tipo de compromiso con SOGAMA “deixaron sen pagar os 275.000 euros de débeda que, con esta empresa, xeraron en tan só 11 meses de goberno, débeda á que hai que engadir os correspondentes xuros”.
Finalmente, a concelleira de Facenda, Belén Villar, considera que “logo do exemplo ofrecido no seu escaso tempo de Goberno, non considero que sexan quen para dar leccións nin de xestión e moito menos de responsabilidade”. O certo é, recalca Belén Villar, que “o convenio que está a punto de asinarse, paraliza as sentenzas xudiciais e permitirá chegar a unha regularización dos pagos con SOGAMA”.