O Porriño | O Concello do Porriño súmase unha vez máis ao Giving Tuesday, o movemento mundial que cada 28 de novembro promove actos de solidariedade e altruismo.
Seguindo as indicacións das necesidades que detectan dende os Servizos Sociais do Concello, a concellería de Educación e a OMIX do Porriño, lanzan a campaña de recollida específica de alimentos e produtos infantís de alimentación e hixiene: “A hora de dar”.
Esta proposta foi aprobada no Pleno infantil municipal, celebrado o pasado 20 de novembro, para conmemorar o Día Internacional da Infancia. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Abel Estévez e Marcos Martínez, presentaron hoxe o inicio da campaña no CEIP P. Antonio Palacios.
“O obxectivo é dedicar unhas datas para celebrar o feito de dar”, explicou o alcalde, “Unha vez máis a recollida centrarase en produtos infantís, alimentos e produtos de hixiene para bebés, como cueiros das tallas 4,5 e6, cremas, toalliñas, xel, colonias, tarriños de puré e froita, leite, cereais.. para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menos recursos”.
A recollida, unha vez máis, realizarase contando coa colaboración dos centros escolares, nos que se instalarán puntos de específicos de entrega.
Dende o Concello, convidan a toda a veciñanza a participar este 28 de novembro, no que todo o mundo se une para DAR e informan de que as persoas interesadas en facer doazóns destes produtos terán de prazo ata o 11 de decembro para entregalos no punto de recollida habilitado no Pavillón Municipal do Porriño.