Ponteareas | A concellaría de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, informou da reapertura ao tráfico da rúa Carballos no tramo que vai desde a Avenida de Galicia até a Estación de Autobuses. A rúa quedara cortada á circulación o pasado 9 de decembro por causa das obras de soterramento da rede de calor con biomasa.
Deste xeito, parte da Avenida de Galicia recobra tamén a normalidade con dobre sentido de circulación desde o centro urbano até os Xulgados, onde o tráfico deberá continuar por Carballos e Castañal para saír á N-120. O primeiro tramo da Avenida de Galicia desde a N-120 até o cruce con Carballos mantense cun único sentido de circulación cara o centro.
Ao fío das obras e das limitacións e cambios que conlevan ao tráfico e mobilidade, o goberno local explica que non foi posíbel que as obras que se executan actualmente na vila se programasen de forma que non coincidisen. “Hai que ter en conta que antes de licitar e adxudicar as obras, e dependendo de cada caso, se precisan autorizacións sectoriais de organismos como Patrimonio, o Ministerio de Mobilidade ou á Confederación Hidrográfica, entre outros.
Os tempos de espera por eses permisos son variabeis e non son predicibeis. As licitacións tamén poden ter ritmos diferentes en función de moitos aspectos burocráticos cuxa duración non está preestablecida a priori. E as obras unha vez adxudicadas teñen que executarse en determinados prazos para xustificar as subvencións coas que se financian ou evitar determinadas datas, coma por exemplo o Corpus Christi que condiciona a obra da Praza de Bugallal. Por último, nas obras tamén poden xurdir retrasos por imprevistos ou por razóns meteorolóxicas, entre outras.”
O Concello engade que “todos eses factores son imposibeis de controlar a priori desde a administración e non permiten establecer un calendario fiábel o que conleva que a execución das obras poida concidir no tempo, aumentando os inconvintes para a veciñanza”.
Por último, o goberno local lembra que “estas molestias son consecuencia de que se fan obras e actuacións de envergadura que están transformando e mellorando Ponteareas e suporán maior calidade de vida para a xente. Estes inconvintes non existen cando non se fai nada, como aconteceu durante décadas de parálise e estancamento en Ponteareas”.