Concello inviste 800.000€ en aforro enerxético para a Residencia de Maiores de Ponteareas

A residencia de Santa Ana contará con equipamento público para 32 persoas

Ponteareas | O Concello de Ponteareas adxudica as obras de rehabilitación enerxética da residencia de maiores Santa Ana en 800.608,73€. Estas obras contarán cunha axuda do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP) do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

A residencia de maiores Santa Ana é un equipamento público destinado a uso asistencial construído no ano 1979. Na actualidade presta servizo a 32 persoas que residen e reciben coidados. Con esta intervención que permitirá non só un aforro enerxético e un edificio máis eficiente tamén un lugar máis confortable o Concello da un paso máis na mellora do día a día das persoas maiores, unha das prioridades do goberno.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas informa que o proxecto contempa a mellora da accesibilidade no acceso principal á residencia pola rúa Santa Ana; a ampliación do número de aseos accesibles en planta baixa, xa que actualmente só existe un e é escaso para dar un servizo adecuado ao número de residentes e a mellora da envolvente térmica do edificio (fachadas, cuberta e carpintería exterior) para emendar as deficiencias existentes e mellorar a eficiencia enerxética do conxunto. Ademais tamén se substituirá a iluminación existente por unha máis eficiente co fin de reducir os custos en electricidade.

O goberno de Ponteareas, liderado pola alcaldesa Nava Castro, continúa no seu proxecto de mellora de infraestruturas públicas municipais coa modernización, reforma e reorganización de espazos e recursos para adaptalos ás necesidades actuais, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar o día a día das veciñas e veciños.

BNG: “Non a Altri”
O BNG presentou unha moción de urxencia para o seu debate no Pleno deste martes propondo á Corporación Municipal posicionarse contra a instalación da macrocelulosa de Altri no corazón de Galiza.

Para o BNG, a instalación desta macrofactoría de pasta de celulosa supón “unha bomba ambiental con diversas repercusións negativas para todo o país, pondo en risco os postos de traballo de xente que vive do mar e da terra, así como o desenvolvemento económico de Galiza”.

“A Xunta de Galiza do PP vén de outorgarlle a este proxecto a autorización de impacto ambiental, consumando así unha traizón a Galiza sen precedentes, poñendo por diante dos intereses da sociedade galega os seus intereses propios e os dunha empresa portuguesa da que, ademais, é socia unha ex conselleira do PP”, denuncia o Bloque.
Por iso, o BNG sinala que é agora cando máis cómpre que o conxunto da sociedade galega reitere o seu rexeitamento rotundo a un proxecto “que atenta de forma clara contra a saúde e o futuro de miles de galegas e galegos”, e propón tamén na iniciativa que a Corporación condene a actuación da Xunta neste proceso.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.