Pontevedra | Representantes de cinco concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participarán do 23 ao 26 de outubro no IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado pola entidade galega e pola Rexión Autónoma do Príncipe nesta illa africana baixo o lema ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’.
O encontro, financiado pola Xunta de Galicia, busca promover o intercambio de experiencias na xestión municipal, incrementar o coñecemento sobre a realidade do Sur Global e fomentar alianzas internacionais.
O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, intervirá na mesa sobre ‘Desenvolvemento sustentable e turismo’, na que tamén estará a concelleira de Benestar Social do Concello de Allariz, Tania Álvarez, dado que a vila ourensá é un referente neste eido grazas a dous recursos endóxenos: historia e natureza.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente da Laracha, José Ramón Martínez, exporá as claves do Plan Estratéxico Ambiental Municipal nas sesións sobre ‘Desafíos da gobernanza e instrumentos innovadores para o desenvolvemento sustentable’ e ‘A coordinación sectorial para o equilibrio económico, social e ambiental sustentable’, mesa moderada polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira.
Así mesmo, o concelleiro de Cooperación e Inmigración de Burela, Mario Pillado, falará sobre a Aula Gaia no debate centrado na ‘Educación ambiental para as xeracións futuras’, onde o Fondo Galego tamén explicará o proxecto europeo People & Planet. Na mesa sobre ‘Alternativas viables/sustentables ao uso dos recursos naturais’, o edil exporá asemade a iniciativa Burela-In, na que entidades de inclusión social e sector pesqueiro se unen para darlles unha segunda vida aos refugallos desta actividade económica.
Participan o presidente e o embaixador
No entanto, o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía inaugurarase o vindeiro luns ás 11 horas coa participación do primeiro ministro de São Tomé e Príncipe, Patrice Trovoada, xunto co presidente rexional, Filipe Nascimento, e o embaixador de España en Gabón, Ramón Molina. A apertura contará asemade coa intervención do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, e de Juan González.
A primeira xornada continuará cunha mesa sobre ‘A cooperación descentralizada como mecanismo de aceleración do cumprimento dos ODS’, na que tamén estarán a Asociación Nacional dos Municipios de Mozambique (ANAMM) e a Frente Nacional de Prefeitos (Brasil). Para finalizar, representantes da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e do proxecto STP Digital falarán sobre un ‘Océano sen fronteiras’.
Tendo en conta que a Illa do Príncipe foi declarada Reserva Mundial da Biosfera, no segundo día de traballo dedicarase unha sesión á ‘Xestión das áreas protexidas: terrestres e mariñas’, na que intervirán o propio presidente rexional e responsables da Empresa de Água e Electricidade, da Fundação Príncipe e do Consell Insular de Menorca. De igual xeito, falarase sobre ‘As cidades intelixentes e o desafío da xestión sustentable dos residuos’, coa participació da Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos.
O mércores chegarán novos convidados do Projeto WACA (São Tomé e Príncipe), da Rexión de Cacheu (Guinea-Bissau) ou do Municipio de Quelimane (Mozambique), que abordará ‘As accións para a adaptación e mitigación das consecuencias das alteracións climáticas’. Na derradeira xornada, antes da clausura na que se lerá a declaración final, celebrarase unha reunión de traballo entre os membros da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, establecida en 2019 tras o I Foro en Santiago de Compostela para fomentar aprendizaxe mutua e impulsar iniciativas comúns en sintonía coa Axenda 2030.
Novas vías de cooperación
São Tomé e Príncipe non é considerado país prioritario pola Cooperación Española pero si polo Fondo Galego que, de feito, no mes de setembro recibía a visita do presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascimento.
Deste xeito, tanto membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como do Fons Menorquí de Cooperació contarán na illa cunha axenda complementaria encamiñada a identificar futuros proxectos que poidan ser financiados por estas asociacións de municipios.
Visitarán distintas iniciativas de tratamento de augas ou valorización dos residuos, así como cooperativas que traballan o xabón, a pementa, a fariña de mandioca ou a apicultura. Tamén se atoparán cunha asociación de mulleres dedicadas á cría de galiñas e achegaranse a unha fábrica de chocolate.
Cómpre sinalar que o cacao é o cultivo principal en São Tomé e Príncipe e representa máis do 60% das exportacións do país, seguido polo café e os cereais. Á agricultura básica únese a pesca artesanal, aínda que a actividade que máis contribúe ao PIB é o pequeno comercio, nun 30%. O turismo é tamén un sector en auxe nesta antiga colonia portuguesa, que acadou a independencia en 1975 e que actualmente é unha república democrática.
En canto ao Índice de Desenvolvemento Humano, São Tomé e Príncipe sitúase no posto 138º de 191 países. Dos seus 223.364 habitantes, o 66% viven en situación de probreza e un 25% de pobreza extrema. Presenta, no entanto, unha alta taxa de alfabetización, que chega ao 93%.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.