Concellos lucenses mellorarán camiños de acceso

O orzamento ascende a 1,1 millóns

Vilalba | O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou en Vilalba o resultado das obras de rehabilitación do firme executadas co apoio deste programa nun treito da vía municipal que conecta a capitalidade coa estrada LU-P-6504 a través das parroquias de Sancovade, Goiriz, Román e Árbol.

O Goberno galego concedeu 88.500 euros a través da convocatoria do Plan Marco 2021-2022 para acondicionar o tramo de conexión entre o colexio de Román e a LU-P-6504, entre as parroquias de Román e Árbol.

Os traballos incluíron a limpeza de beiravías e noiros; a dotación dunha nova capa de rodaxe con aglomerado en quente e a renovación da sinalización vertical e horizontal. Entre outras medidas, instaláronse sinais de STOP para regular o paso de vehículos.

Arias explicou que o obxecto do Plan Marco é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento das vías de comunicación en áreas rurais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

O orzamento asignado á provincia de Lugo na nova convocatoria ascende a 1,1 millóns de euros para esta anualidade e 3,5 millóns para 2023. Arias salientou que o financiamento chega a todos os concellos, co fin de facilitar o acceso ás entidades de poboación asentadas no rural e mellorar as infraestruturas que constitúen as canles de entrada e saída das producións agrarias.

En canto á distribución por comarcas, 913.800 euros irán para A Mariña; 840.000 euros destínanse á Zona Sur; 755.000 á Terra Chá; 615.000 euros aos municipios da Montaña -comarcas da Fonsagrada e Os Ancares- ; 617.000 euros á comarca de Lugo; 473.300 euros a Sarria; 227.000 euros á Ulloa e 201.500 euros á área de Meira.