Ponteareas | Este sábado 18 de marzo, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra o Concerto de Primavera, unha cita da agrupación musical que xa se converteu en habitual. O concerto terá lugar no auditorio do Centro Cultural da parroquia ás 19:00h e de novo este ano será un encontro moi especial.
O ano pasado, a singularidade deste concerto marcouna a participación do cuarteto de saxofones Dextrum Ensemble, mentres que nesta ocasión farao a intervención de dous directores diferentes á fronte da banda.
Así pois, o deste sábado será un concerto de despedida ao que ata hai uns meses era o director da agrupación, Javier Blanco, ao mesmo tempo que unha benvida oficial ao actual, Rodrigo Iglesias.
O Concerto de Primavera da Banda de Xinzo dividirase en dúas partes. Baixo a dirección de Javier Blanco, os músicos interpretarán obras da embergadura de Suspiros de España, de Antonio Álvarez, ou The Hounds of Spring, de Alfred Reed. E a parte dirixida por Rodrigo Iglesias compoñerase de pasodobres como Rapsodia Galega nº1, de Enrique García, e Caballería Ligera, de Franz von Suppé.