Mondariz | O 26 de febreiro, o cantor guardés presentará no auditorio municipal de Mondariz as cancións baseadas en poemas de Rosalía de Castro do seu disco “Se cantas es ti que cantas”
A programación cultural do Concello de Mondariz segue centrada este mes de febreiro na memoria de autores e autoras da nosa terra. Despois de lembrar a figura de Castelao o último fin de semana de xaneiro, con motivo do seu aniversario, este mes de febreiro prestarase atención á obra de Rosalía de Castro cun concerto do cantor guardés Tino Baz.
“A celebración do Día de Rosalía está na nosa axenda cultural desde o comezo da lexislatura. Este ano rendemos homenaxe á poeta galega máis ilustre cantando as súas letras”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Tino Baz presentou o seu disco “Se cantas es ti que cantas” en outubro de 2019. Nel fai unha interpretación musical de oito poemas de “Follas Novas” e tres de “Cantares Gallegos”, algúns inéditos musicalmente. Actuará no auditorio municipal de Mondariz o último sábado de mes (26 de febreiro) ás 20:00 horas. A entrada ao concerto será libre e gratuíta até completar a cabida permitida.