Ponteareas | O domingo 27 de agosto, ás 19:00h, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo ofrecerá un concerto extraordinario no auditorio municipal de Ponteareas en colaboración co guitarrista Xosé Antonio Rodríguez, músico e docente na especialidade de guitarra no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.
A Banda de Música de Xinzo, interpretará un programa de elevada dificultade técnica e formado por pezas de orixes e características moi diversas. Os asistentes poderán escoitar obras que irán dende o pasodobre galego, ata o poema sinfónico, pasando pola pequena sinfonía para orquestra de ventos.
O concerto estará dirixido por Javier Blanco, Director titular da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, o cal convida a todos os amantes da música a que acudan a dito concerto e gocen con este interesante e agradable programa. “Esta cita representa para a banda a primeira meta no proceso de preparación dun repertorio complexo e ó que lle dedicamos moito esforzo. Cremos que é moi importante incluír concertos destas características na nosa programación, tanto polo que supoñen no proceso formativo dos alumnos da nosa escola e dos membros da banda, como pola labor de difusión que se realiza, xa que non hai moitas oportunidades de escoitar este tipo de repertorio ou a solistas do nivel de Xosé Antonio Rodríguez”.
A entrada ao auditorio municipal será libre, ata completar o aforo máximo de 500 persoas.