Concerto solidario por Ucraína no Porriño

Este 3 de abril, a partir das 17 h na rúa Antonio Palacios

O Porriño | O Porriño acollerá este domingo, día 3 de abril, o concerto solidario organizado polo Concello en beneficio do pobo ucraíno, que tanto está a sufrir pola invasión rusa.

O evento, no que participarán altruístamente o Grupo América, o Combo Dominicano e os artistas, Antonio Barros e iAlma, foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Bienvenido Estévez e Antía Carrera, estiveron acompañados no acto de presentación por representantes das entidades colaboradoras do evento: o presidente da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, Indalecio Cuevas, o xerente, David Sobral, o artista local, Antonio Barros, e os representantes das empresas Go Music e Eventos Salpor, Miguel Díaz e Leonardo Fernández.

O rexedor convidou a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a asistir ao evento e contribuír a axudar ás persoas refuxiadas. “Síntome moi orgulloso de formar parte deste pobo”, asegurou Lorenzo, “En canto apelamos á súa colaboración os porriñeses e porriñesas, unha vez máis, deron exemplo de solidariedade e entrega. O fixeron cargando un trailer de axuda humanitaria e sei que o farán agora tamén”.

Neste sentido o rexedor quixo extender o seu agradecemento “a todos aqueles veciños que de maneira totalmente desinteresada ofreceron as súas vivendas para acoller a persoas refuxiadas” .

Cabe destacar que en total foron 20 as familias porriñesas que se ofreceron para acollida e cuxa disposición, xunto coas 20 prazas ofertadas polo Concello, se enviou ao Ministerio encargado de coordinar e xestionar a acollida de refuxiados.

Pola súa banda, o presidente dos empresarios, Indalecio Cuevas, animou a colaborar á cidadanía “e darlle un pouco de cor e música a esta situación que lamentablemente estamos a vivir e na que temos que ser enormemente solidarios”. Así, os empresarios abriron unha conta na que conseguiron recadar fondos que serán canalizados a través do Concello para axudar á poboación ucraína.

Tamén estiveron presentes na presentación Arturo López e Merchi Díaz, dous veciños do Porriño que acolleron xentilmente na súa casa a catro mozos ucraínos que abandoaron o seu país fuxindo da guerra. Os mozos, de entre 12 e 24 anos, pediron axuda para sair de Jarckov, a primeira cidade ucraína bombardeada, e esta familia porriñesa non dubidou en abrirlles as portas da súa casa. Un xesto de xenerosidade que o rexedor quixo agradecer públicamente “en nome de toda a veciñanza do Porriño, moitas grazas polo voso exemplo”.

 

Número de conta para axuda humanitaria
Os fondos obteranse coa “Fila 0”, na que todo aquel que queira disfrutar do concerto poderá facer a súa doazón. A tal fin, o concello habilitou un número de conta cuxa recadación se destinará íntegramente a axuda humanitaria e na que se poderán facer as súas achegas tanto particulares como empresas.

IBAN ES13 2080 5054 0831 1002 7980