Ribadavia | Os vogais do pleno do Consello Regulador da denominación de orixe Ribeiro votaron con nove votos a Concha Iglesias Pousa como presidenta do organismo, fronte a un voto para a outra candidata a presidir o cargo.
A votación tivo lugar durante o pleno extraordinario que se celebrou esta mañá na sede do consello e que aprobou a elección de Concha para presidilo. “Actualmente a denominación Ribeiro atravesa un bo momento, polo que apostarei por unha presidencia continuista co que se está desenvolvendo, tentando acrecentar a visibilidade da denominación de orixe máis antiga de Galicia a nivel nacional e mesmo internacional”, comentou Iglesias.
Asegura que traballará apostando pola calidade e en consenso entre todos os axentes que integran a denominación. Durante o pleno, tamén se elixiu ao vogal de viticultores, Carlos Basalo Vidal, como vicepresidente da entidade. Na foto, Carlos Basalo e Conche Iglesias.
Concha Iglesias accedeu ao cargo de presidenta en funcións despois da dimisión do anterior presidente sendo entón vicepresidenta do pleno e vogal do censo de cooperativas. É licenciada en Dereito, e tamén ostenta a vicepresidencia da Cooperativa Viña Costeira desde hai 13 anos. Está ligada ao sector vitivinícola como viticultora desde hai máis de 24 anos.