Sober | Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, visitou o encontro Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, que se celebra durante toda a xornada nos pendellos do Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober).
Este encontro, organizado pola Xunta, pon de relevo o papel da Artesanía de Galicia como dinamizador económico do rural galego. Así, o sector contribúe á creación de emprego e riqueza, ademais de constituír unha parte fundamental do patrimonio cultural e do atractivo turístico de Galicia e da Ribeira Sacra. A provincia de Lugo conta cun total de 119 obradoiros de Artesanía de Galicia, un 35% máis que a finais de 2019.
Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Os 19 expositores que comercializan as súas pezas neste encontro representan 11 oficios diferentes: a marroquinería, a madeira, a elaboración de roupa, o pirogravado, a cerámica, o téxtil, a olería tradicional, a xoiería, os xoguetes, a bixutería e o vidro.
Ao longo de toda a xornada celébranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público, centrados na iniciación ao torno cerámico; a olería de Gundivós e os remates de xoguetes de madeira.