Ponteareas | O programa ‘Coñece Ponteareas’ regresa esta fin de semana cunha nova proposta para seguir afondando na historia da vila. Posto en marcha polo departamento de Turismo do Concello, dependente da Concellaría de Promoción económica, a vindeira cita será este domingo 28 de agosto cunha visita a través da que o público poderá seguir os pasos do Mestre Cerviño polo centro urbano da vila.
A ruta, de balde, comezará ás 11.00 horas e terá como punto de encontro a igrexa parroquial. A actividade conta con prazas limitadas, polo que é necesaria a reserva previa de praza.
As persoas interesadas poden inscribirse xa na Oficina de Turismo, enviando un correo a turismo@ponteareas.gal ou chamando ao 637 724 301.
Con esta visita guiada continúa un verán cheo de percorridos por distintos puntos da vila ponteareá cos que o Concello busca achegar ao público Ponteareas a través de diferentes experiencias coas que desfrutar da historia ou da natureza.