Como cidadáns galegos temos o dereito de vivir no noso País na nosa lingua propia. No ámbito administrativo temos dereito de esixir de concellos, Xunta, Administración do Estado e de todos os entes e concesionarios ue dependen destas Administracións (SERGAS, Axencias Tributarias, Seguridade Social, Tussa, Vitrasa, EMALCSA) que todos os trámites e procedementos que se refiran aos nosos dereitos e intereses se desenvolvan en galego.
No ámbito xudicial, ademais de que nós e os nosos representantes teñamos todo o dereito de nos expresar en galego, a lei recoñécenos o dereito de que a Administración de Xustiza nos notifique en galego de todas as súas resolucións. No ámbito privado podemos usar o galego con total liberdade en todas as nosas relacións de consumo na Galicia, mentres que as empresas:de servizos que teñan actividade na Galicia haberán dispor dos medios para que se nos atenda oralmente e por escrito como usuarios dos devanditos servizos.
Estes dereitos lingüísticos esixen respostas das Administracións, nomeadamente da autonómica galega e da do Estado, que seguen a ser deficientes. Os empregados públicos teñen que entender a nosa língua e atendernos en galego se así llelo requirimos. Neste contexto existen ámbitos ben sensíbeis a esta esixencia. Alguén pode pensar a serio na Galicia, que o persoal sanitário non poida entender nun centro de saúde, PAC ou hospital a unha persoa galegofalante? Podemos ver limitado o noso dereito a presentar as nosas denuncias perante os Corpos de Seguridade do Estado en galego, malia que a meirande parte do funcionariado destes Corpos coñeza a nosa língua? Pódese exercer a xeito a función xurisdicional no noso País sen coñecer ben, polo menos pasivamente, o nosso galego?
“No ámbito da empresa privada as esixencias normativas son moi inferiores e non por causa desa inxusta supremacía constitucional do castelán, senón por mor da cativeza da normativa protectora da língua desque Feijóo accedeu no 2009 á Xunta”
No ámbito da empresa privada as esixencias normativas son moi inferiores e non por causa desa inxusta supremacía constitucional do castelán, senón por mor da cativeza da normativa protectora da língua desque Feijóo accedeu no 2009 á Xunta. Mais temos todo o dereito a esixir en galego os nosos contratos bancarios, de seguros e de fornecemento de enerxía e auga. E temos, tamén, o dereito a ser atendidos na nosa língua en todos os centros comerciais e establecementos de hostalería, en canto empresas de servizos obrigadas a esta atención.
Teño para mín que o parâmetro de esixencia há ser duplo. Por unha banda total e moi rigoroso coas Administracións Públicas, os seus contratistas e concesionarios e as grandes empresas privadas. E moi pedagóxico, proactivo e empático coas pemes e cos traballadores que veñen de fora e non tiveron a ocasión de aprender na súa formación a nosa lingua.
Porque existen xa milleiros de residentes que non estudaron no noso País e que precisan dunha formación intensiva na nosa língua por estar a desenvolver aqui a súa actividade laboral. Que diagnose e que planos de futuro manexa a Xunta para resolvermos esta cuestión? O ensino da lingua galega e a integración da nosa sociedade son da súa competencia.