Conferencia de cidades do arco atlántico

Xulio Ferreiro sinala que “as relacións son difíciles” entre as cidades do arco atlántico e os seus portos, pero avoga “pola aposta común a prol do desenvolvemento urbano sustentable dos municipios”

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participa este venres na xornada da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, que organiza esta entidade –da que o Concello da Coruña forma parte– xunto co Comité das Rexións da Comisión Europea e o propio Concello.

En declaracións aos medios de comunicación, o rexedor apelou á vontade de diálogo e colaboración por parte do executivo coruñés para fomentar a cooperación entre as distintas cidades europeas participantes no encontro. “Os actos que se están a desenvolver esta fin de semana veñen a demostrar a vocación deste Goberno por colocar a nosa cidade nas redes estatais e internacionais”, explicou Ferreiro, “e por entender que a colaboración, continental pero tamén a nivel ibérico e europeo, é fundamental para propiciar un crecemento intelixente, sostido e integrador, xa que o que se decida en Compostela ou Bruxelas tamén afecta aos intereses e dereitos da veciñanza da Coruña”.

 

O edil sinalou que a xornada de hoxe, que se está a desenvolver no Palexco, servirá para presentar as bases da ​ Declaración da Coruña , “o documento ​ marcará as liñas de cooperación dos municipios atlánticos” e que se asinará mañá ​ no Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico que se celebrará no Pazo de María Pita. “No contexto no que estamos a analizar as consecuencias do Brexit, e no que a Unión Europea vira cada vez máis cara ao leste, as localidades do arco atlántico debemos poñer en valor as potencialidades da parte máis occidental de Europa e os intereses comúns que temos”, expuxo o alcalde. “O obxectivo deste Buró será preparar a Asamblea Xeral da Conferencia, que terá lugar nas próximas semanas, e onde tanto o seu Presidente coma este Goberno procuraremos que se relance para que o Arco Atlántico se transforme nun actor principal dentro da política europea”, dixo.

Así, na ​ Declaración da Coruña as cidades atlánticas avogarán pola cooperación “e o compromiso de compartir unha mesma visión de Europa e dos desafíos que esta ten por diante”, segundo explicou o primeiro edil coruñés. “A intención é salientar a importancia de fomentar políticas de cohesión como ferramenta fundamental de desenvolvemento, así como solicitar a revisión da Axenda Urbana Europea para que os programas urbanos ofrezan facilidades de acceso ás cidades medias ou con características xeográficas específicas, que é o denominador común das que pertencemos a esta Conferencia , afirmou Ferreiro. Nesta liña tamén se pronunciou o alcalde de Viana de Castelo e presidente da Conferencia, José María da Cunha Costa, quen incidiu na importancia que entre as cidades da área atlántica “haxa unha maior cooperación e unha mellor interrelación”.

Os encontros que se están a celebrar este venres teñen como eixes estratéxicos a idea de participación e dereito á cidade, o desenvolvemento urbano sostible e da auga como dereito e factor para o desenvolvemento dos municipios. Neste sentido, o alcalde salientou o compromiso do Goberno local coa xestión pública do ciclo integral da auga e co futuro do borde litoral da cidade. “​ Tal e como vemos nesta Conferencia, outras localidades do Arco Atlántico tamén presentan problemáticas semellantes na relación co seu porto. ​ É unha relación que non sempre é doada, posto que os intereses entre as institucións non sempre coinciden aínda que o obxectivo sexa o desenvolvemento económico dun xeito sustentable das cidades”, sinalou o alcalde.

Ante as preguntas dos medios de comunicación sobre o estado da negociación dos terreos da Solana, de cara a próxima xuntanza que se celebrará o luns 13 de febreiro, o primeiro edil determinou que o encontro “servirá para concretar prazos e mecanismos”. “Na última reunión que se celebrou a semana pasada, avanzamos e sentamos unhas bases, polo que este luns levaremos propostas máis concretas”, dixo.

A este respecto, o rexedor incidiu na necesidade da implicación doutras institucións na negociación. “Creo que ten que haber unha implicación de máis administracións, alén do propio Concello e Puertos del Estado, pois a Xunta ten que ser un actor relevante e a Deputación, seguramente, tamén poderá xogar o seu papel nunha cuestión fundamental para a cidade da Coruña e a súa veciñanza”.