Conferencia en Ponteareas sobre Amado Garra e a súa traxectoria como líder agrarista

Este venres 22 de novembro organizada polo Ateneo Amado Garra

Ponteareas | No marco do Ano Amado Garra que organiza o Ateneo ponteareán, este venres día 22, ás 20:30 horas, no Centro Cultural A Antorcha terá lugar a segunda das conferencias incluidas no ciclo que se desenvolverá durante este mes de novembro e decembro.

Baixo o título “Amado Garra e o agrarismo”, o catedrático da USC, Miguel Cabo Villaverde, e o profesor de ensino secundario e da UNED, Henrique Hervés, abordarán o movemento do agrarismo no primeiro terzo do século XX e a traxectoria de Amado Garra como líder agrarista galego. Miguel Cabo Villaverde, compostelán, é doutor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, membro do grupo de investigación HISTAGRA (Historia agraria e política do mundo rural. Séculos XIX-XX) e CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais).

Autor de numerosas publicacións dedicadas á historia do mundo rural, do campesiñado e das súa formas de mobilización e conflictividade social, centradas maioritariamente na Galicia contemporánea pero cunha clara intención de integralas no contexto ibérico, europeo e mundial.

A súa ficha de investigación na USC conta con máis de 100 publicacións, incluídos 16 libros. É o maior especialista na historia do agrarismo galego, autor das principais obras de referencia sobre o tema. Podemos destacar neste ámbito “O agrarismo” (1998), “Prensa agraria de Galicia” (2003) ou as máis recentes “A xustiza pola man. Violencia e conflictividade na Galicia contemporánea” (2021) ou “Ese vento que vai sobor da terra.

A vida desmedida de Basilio Álvarez” (2023). Henrique Hervés, coruñés, é licenciado en Xeografía e Historia, profesor de ensino secundario en Lugo e profesor-titor da UNED. A súa memoría de licenciatura “Agrarismo e societarismo campesiño no val do Tea, 1900-1936” (1991), versa sobre o desenvolvemento deste movemento social no distrito de Ponteareas. Ten publicados diferentes artigos sobre mobilización campesiña e conflitividade rural en revistas como Áreas ou Historia Agraria e colaborado en obras colectivas como “Poder Local, élites e cambio social na Galicia non urbana, 1874-1936” (1997), ou “Terra e progreso” (2000).

Os conferenciantes abordarán a figura e traxectoria de Amado Garra como un dos principais líderes do agrarismo galego no primeiro terzo do século XX, impulsor da maioría das sociedades agrarias de Ponteareas, O Condado e outras comarcas do sur da provincia de Pontevedra e fundador do xornal agrarista “El Tea”.

A conferencia desenvolverase no Centro Cultural A Antorcha de Cristiñade, un lugar emblemático e de grande simbolismo a tratarse do local creado pola Sociedade Agraria desta parroquia, especialmente ligada á figura de Amado Garra, quen visitou e celebrou innumerabeis actos neste espazo durante varias décadas.

O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, lembra que o Concello denegou á asociación todos os locais solicitados, dende o Centro Cívico á Sala Multiúsos do Auditorio pasando polo Salón de Plenos do Concello, o que obrigou á organización a celebrar as conferencias nas parroquias de Areas, Cristiñade e Xinzo. O Ateneo Amado Garra agradece aos centros culturais destas parroquias a cesión dos seus espazos para celebrar este ciclo de conferencias.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.