Conferencia en Ponteareas sobre “Amado Garra e o republicanismo”

O vindeiro xoves 5 de decembro no Centro Cultural de Xinzo, organizado polo Ateneo Amado Garra

Ponteareas | No marco do Ano Amado Garra que organiza o Ateneo ponteareán, o xoves día 5 de decembro, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Xinzo terá lugar a terceira e derradeira das conferencias incluidas no ciclo que se veu desenvolvendo durante os meses de novembro e decembro.

Baixo o título “Amado Garra e o republicanismo”, o historiador ponteareán Francisco Candeira e o biógrafo de Amado Garra, Roberto Mera, abordarán a traxectoria de Garra como líder republicano dende os primeiros anos do século XX até 1936, tanto no ámbito da cidade de Vigo coma da vila de Ponteareas e O Condado.

Francisco Candeira Mosquera é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialidade en Historia Contemporánea, foi profesor de ensino secundario, autor de numerosos libros sobre historia local e comarcal, entre eles, e relacionados coa temática da conferencia, “Caciquismo e poder local na Galicia da Restauración (Distrito de Ponteareas 1881-1894), “O Condado na 2ª República” ou “Da terra espoliada. Poder político, control social, explotación económica e fame no primeiro franquismo (O Condado, 1936-1959)”. Ademais é autor de numerosos artigos de investigación sobre política local, o agrarismo, o caciquismo, a II República ou o movimento obreiro.

Roberto Mera Covas é licenciado en Dereito e Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, avogado e autor da biografía de Amado Garra, pola que recibíu o IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey. Tamén é autor da biografía de Alejandro Viana e do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos
refuxiados republicanos”, Premio de Investigación Antón Losada Diéguez. Ademais é o Presidente do Ateneo Amado Garra.

Os conferenciantes abordarán a figura e traxectoria de Amado Garra como un dos principais líderes republicanos no primeiro terzo do século XX, tanto en Vigo como en Ponteareas e O Condado, impulsor da organización do republicanismo na súa vila natal e na cidade de Vigo, onde fundou e liderou durante décadas o Partido Republicano Vigués.

A conferencia desenvolverase no Centro Cultural Xinzo. O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, lembra que o Concello denegou á asociación todos os locais solicitados, dende o Centro Cívico á Sala Multiúsos do Auditorio pasando polo Salón de Plenos do Concello, o que obrigou á organización a celebrar as conferencias nas parroquias de Areas, Cristiñade e Xinzo. O Ateneo Amado Garra agradece aos centros culturais destas parroquias a cesión dos seus espazos para celebrar este ciclo de conferencias.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.