Ourense | Os restos de dous dos individuos atopados na fosa de Celanova que se exhumou a finais de 2022 corresponden a Marcelino Fernández García e a Abelardo Suárez del Busto, dous mozos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 no cemiterio de Celanova por unha unidade militar falanxista.
As mostras de ADN contrastadas coas dunha filla, Josefa, no caso de Marcelino, e coas dunha neta, Graciela, no caso de Abelardo, obteñen unha compatibilidade de 99,9%, o que confirma os resultados da análise forense e a hipótese da investigación histórica. As familias xa foron informadas.
Os resultados fixéronse públicos este 25 de abril nunha rolda de prensa no Liceo de Ourense na que participaron Concepción López, historiadora do Grupo Histagra da USC e responsábel da documentación da fosa; Fernando Serrulla, antropólogo forense do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia); Mario César Vila, arqueólogo, responsábel de Tempos Arqueólogos, empresa que executou a escavación; e Ana Mosquera, investigadora do Laboratorio de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, en representación do equipo multidisciplinar que se encargou da intervención na fosa.
A intervención, que se enmarca no Plan de Memoria Democrática 2022, vivirá o seu seguinte fito nas próximas semanas coa cerimonia de entrega dos restos ás familias. Mentres, o grupo de traballo en colaboración co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova seguirá na procura das familias dos outros cinco mozos que foron fusilados canda Marcelino e Abelardo aquela mañá de 1939. Os seus nomes son: Baldomero Vigil Vallejo, Guillermo de Diego Álvarez, Alfonso Moreno Gayol, Belarmino Álvarez García e Mariano Blanco González.