Ambos filósofos foron coevos e viviron no século VI antes da nosa era. Confúcio (K’ung Tzú) pasou estreiteces económicas, porén o seu pai, do que axiña ficou orfo, era de ascendencia aristocrática. O pensamento e obras de Confúcio formaron unha doutrina social que tiña como base as tradicións e crenzas chinesas comúns. Favorecían a lealdade familiar, a veneración dos devanceiros, o respecto aos maiores e á familia. Defendía o benestar dos súbditos e a disminución das contribucións, así como unha moralidade persoal e gubernamental, unida ás ideas de xustiza, coñecimento, sinceridade, cortesía, humanismo-altruísmo, integridade, fidelidade e honradez. Confúcio obtivo varios postos oficiais no estado de Lu, obtendo éxito inicial e ascendendo con rapidez; porén acabou dimitindo do cargo e, ao non contar co apoio do Señor, partiu ao exilio con 50 anos. Viaxou, entón por diversos estados chineses, intentando persuadir os seus gobernantes de que puxesen en práctica as súas ideas, acompañado polos seus discípulos. Pasou bastantes penalidades e regresou a súa patria aos 68 anos, adicándose á ensinanza e a ordenar libros clásicos até a súa morte aos 73 anos. Moitos dos seus discípulos tornáronse en funcionarios e espallaron as súas ensinanzas por toda China; sendo o confucionismo a doutrina oficial durante a dinastía Han e materia de estudo e de exame para os funcionarios públicos. Dicía: “Os honores e as riquezas son o que máis desexa o home no mundo, porén é mellor afastarse delas que da vía recta e honesta”. “Estudar sen reflexionar é traballo perdido. Reflexionar sen estudar é perigoso”.
Loa Tsé foi o autor do “Tao Te Ching” e fundador do taoísmo. Foi funcionario nos arquivos imperiais, o que lle permitiu coñecer os clásicos daquela época. Non fundou unha escola formalmente, pero si tivo discípulos. Disque con 80 anos, cansado da corrupción moral da sociedade, foise vivir como un ermitaño na fronteira Oeste do reino, porén foi recoñecido polo garda Yin Xi, que lle exixiu ao vello mestre, antes de permitirlle a a saída do país, que rexistrase por escrito a súa sabedoría. E disque así foi como naceu o “Tao Te Ching”, aínda que na versión actual do texto hai engadidos tardíos. Nesta obra descríbese o Tao como a fonte e orixe de toda vida, sendo este principio misterioso algo sinxelo, humilde e invisíbel ao mesmo tempo. Imposíbel de describir correctamente con palabras. Lao Tsé anima ao lector a vivir en harmonía co Tao e coa natureza, despreciando a erudición convencional. Defende a non-acción e a conduta espontánea do ser humano. É pacifista e anima aos discipulos a non poñerse ao servizo dos gobernantes, a evitar a guerra e a seren inítiles para o servizo militar, coma unha árbore retorta e chea de nós o é para facermos un navío. Consideraba o poder xusto como merecido e o inxusto como ilexítimo. As coincidencias co anarquismo son grandes, pois defende unha redución do papel do goberno e unha harmonía social e económica baseada na espontaneidade das persoas. Dí: “O sabio leva burdas roupas pero garda un xade no seu peito”. “A lei do sabio é cumprir co seu deber, non loitar contra ninguén”. “Sen trebas non pode haber luz”. “Aqueles que saben, fican calados. Aqueles que falan, non saben”.
Disque que Confúcio foi visitar en certa ocasión a Lao Tsé e que ficou abraiado pola ausencia neste dos modais e da cortesía ritual, da que facían gala os cabaleiros.