A Coruña | A Real Academia Galega celebrará o vindeiro mes de setembro un congreso internacional sobre a toponimia nos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela que reunirá voces expertas de institucións académicas galegas, españolas e europeas.
O encontro, que terá lugar do 21 ao 23 de setembro na Facultade de Filoloxía da USC, impulsará as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos sobre a toponimia das distintas rutas xacobeas. As persoas interesadas no programa poden consultar todos os detalles na páxina web https://toponimiacamsantiago.gal.
A Real Academia Galega organiza o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica, e mais co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A matrícula no encontro é gratuíta.
O obxectivo do congreso é filolóxico, pero vai máis alá. “Queremos que o europeísmo e tamén a multidisciplinariedade percorran estas xornadas: a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos distintos eixes deste congreso”, explican a académica Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, organizadoras da cita. O congreso afonda nunha liña aberta na VI Xornada de Onomástica Galega, que a RAG dedicou o pasado mes de outubro á onomástica no Camiño.
A primeira xornada do encontro centrarase no Camiño de Santiago en Galicia e arrincará coa conferencia do académico de número electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e membro do Seminario de Onomástica da RAG. Nesta sección inaugural participarán, entre outros expertos, Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña, cunha contribución sobre a toponimia menor de Sobrado na época medieval; e Paula Bouzas, profesora do departamento de Lingüística Románica da Universidade de Gotinga (Alemaña), que presentará o Tombo de Iria como fonte de información toponímica.
O Camiño de Santiago na Península Ibérica será o eixe das intervencións da segunda xornada, con achegas arredor da onomástica no Camiño na área catalano-valenciana, e en Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, profesor da Universidad de Zaragoza; Carlos Rocha, investigador do Centro de Linguística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.
O programa do venres estará dedicado ao Camiño de Santiago en Europa, á cartografía e mais á historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés, con achegas sobre a toponimia xacobea na área subalpina e Francia; Marta Montilla, do Instituto Geográfico Nacional, que falará sobre os recursos xeográficos e dixitais do Camiño da institución á que pertence,
Tamén estarán Carlos Baliñas, cunha contribución sobre os usos sociais dos sobrenomes na Galicia altomedieval e a posible influencia no Camiño; José Carlos Sánchez Pardo, que falará sobre a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe ao redor das rúas xacobeas en Galicia; e Irene García Losquiño, que ofrecerá unha ollada á pegada da migración viquinga na paisaxe arqueolóxica e na toponimia.