Ourense | Analizar os desafíos do termalismo na era post- COVID, presentar as investigacións actuais en torno ao Termalismo e as augas mineiro-medicinais e fomentar o negocio do turismo de saúde a nivel internacional.
Estes son os principais obxectivos das accións profesionais que se celebran ao redor da marca Termatalia e que seguirán posicionando a Ourense e a Galicia como centro de capacitación profesional internacional en materia de termalismo. Terán lugar entre o 15 e o 17 de setembro en formato hibrido entre presencial (desde Expourense) e virtual (desde calquera parte do mundo).
Estas accións son o 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia que se celebra de forma complementaria co 4º Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo; o Workshop especializado en Turismo de Saúde e Benestar; a 18ª Cata Internacional de Augas e un seminario de formación en augas minerais.
Estas accións foron presentadas en Expourense nun acto no que quedou patente que Termatalia é un exemplo de cooperación público-privada e interinstitucional e o papel que xoga na promoción internacional de Ourense e Galicia como destinos termais.
Participaron neste acto o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure; o técnico do GDR-12 Ribeiro-Carballiño; a vicerreitora do Campus Auga da Universidade de Vigo, Esther de Blas, e o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez.