Ponteareas | O Goberno municipal do BNG-PSOE amosou a súa satisfacción co informe feito público polo Consello de Contas de Galicia a raíz de denuncias interpostas contra o Concello de Ponteareas.
O organismo fiscalizador realizou unha análise completa e detallada das contratacións entre 2018 e 2020 na que, segundo o propio Consello de Contas, o goberno municipal “prestou a colaboración necesaria para realizar os traballos de campo aportando a documentación necesaria para a realización desta fiscalización”.
Entre os contratos analizados atópanse case 1.000 contratos menores. Trátase dos contratos con valor inferior a 40.000 euros para obras ou 15.000 para subministracións ou servizos, que son os que se poden adxudicar directamente, a diferenza dos que superan esa contía e que deben licitarse. Dun total de 938 contratos, o Consello de Contas unicamente detecta en 9 deles, tan só o 1%, o que denomina “defectos leves”.
A alcaldesa destaca que só en contratos menores, “o Concello contratou directamente con máis de 614 empresas ou autónomos diferentes, dando oportunidade de traballar co Concello a moitas empresas e profesionais de Ponteareas, sempre dentro da legalidade e a transparencia”. Cristina Fernández lembrou que “agora autónomos, comerciantes e empresas queren traballar para un Concello que paga con rapidez e non deixa débedas”.
Ademais, segundo a Alcaldesa, os millóns de obra pública contratada nestes anos mediante licitacións ás empresas con mellores ofertas, “supuxeron mover a economía local, xa que moitas contratistas subcontrataron numerosos traballos a pequenas empresas locais dedicadas a actividades como a construción, iluminación, xardinería ou publicidade, entre outras, deixando en Ponteareas unha parte importante desa riqueza xerada por grandes obras, ao que se engade que o persoal desas empresas adxudicatarias consumiron na hostalería e comercio local”.
Cristina Fernández agradeceu ao Consello de Contas as súas recomendacións para mellorar máis a contratación e que o ente fiscalizador recoñecera expresamente a colaboración prestada dende o Concello. Ademais felicitou ao persoal do Concello e do servizo de contratación pola súa eficacia e bo facer nesta materia.