Consenso municipal para o ximnasio no CEIP Santiago de Oliveira

A petición do BNG foi aprobada en pleno municipal

Ponteareas/BNG | Cristina Fernández impulsou no pleno de Ponteareas un acordo unánime para instar á Xunta a dotar dun ximnasio ao CEIP Santiago de Oliveira, para que o alumnado poida practicar a cuberto Educación Física e realizar as actividades de psicomotricidade.

A líder do BNG en Ponteareas reivindicou esta “demanda histórica da comunidade educativa, que o goberno do PP na Xunta ignora ano tras ano desprezando ás familias e mesmo á dirección do centro”, sinalou. Cristina Fernández lembrou que os investimentos educativos son competencia da administración galega, e engadiu que “a falta de compromiso do PP na Xunta coas infraestruturas educativas do rural é un problema recorrente que está afectando á calidade educativa do alumnado”.

Nesta liña, Fernández considerou necesario que a Xunta asuma as súas competencias, polo que, tras a aprobación da iniciativa, o Concello de Ponteareas instará tamén a que realicen as obras máis urxentes e necesarias de eficiencia enerxética no edificio principal “como o illamento, cambio de ventás e persianas, rematar o cambio dos falsos teitos ou un novo sistema de calefacción máis sostible, limpo e eficaz”. “As de Santiago de Oliveira son unhas instalacións dos anos 80, nun colexio rural que mantén unha matrícula de 100 alumnos e alumnas por curso, polo que é necesario asumir estes investimentos para consolidar a matrícula e poder ofertar todos os servizos complementarios que as familias precisan para a súa conciliación”, concluíu.

Unanimidade á proposta do BNG para mellorar a estrada EP-2703
O BNG logrou tamén a unanimidade para reclamar á Deputación de Pontevedra a mellora integral da estrada EP-2703 no barrio da Ponte, para resolver os problemas existentes coas canalizacións das augas, dado que as choivas provocaron inundacións en vivendas e afundimentos da calzada polas deficiencias nas canalizacións de pluviais.

Así mesmo, a iniciativa do Bloque inclúe a solicitude ao ente provincial da mellora da mobilidade peonil nesta estrada que soporta un gran tránsito de vehículos, incluso pesados, sen que haxa itinerarios seguros para que as persoas poidan circular polas marxes.

“A Nava Castro quédanlle catro meses para cumprir o saneamento das parroquias”
O BNG lembrou este mércores que ao goberno de Nava Castro quédanlle menos de catro meses para cumprir a súa promesa do saneamento para todas as parroquias de Ponteareas. Fíxoo a través do seu portavoz, Miguel Bouzó, no debate plenario extraordinario da tramitación da concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración, denominado Ciclo Integral da Auga.

“Nava Castro prometeu que en dous anos as parroquias de Ponteareas xa terían saneamento. Pasou máis de ano e medio e non foron capaces de executar nin un só metro. Quédanlle menos de catro meses e malamente están aprobando un estudo de viabilidade económico-financeiro para concesionar o Ciclo Integral da Auga e comezar algunhas obras durante os vindeiros anos”, sinalou Bouzó.

O concelleiro do BNG puxo en valor que foi precisamente o goberno do Bloque quen logrou a ampliación da depuradora, coas obras xa na fase final tras un investimento millonario. “O actual goberno podía estar realizando obras de saneamento no rural, porque deixamos proxectos elaborados, pero Castro e a dereita prefiren destinar o diñeiro de todas e todos a caprichos e propaganda”, lamentou o nacionalista.

“A dereita só fai anuncios propagandísticos e promesas para enganar á veciñanza, como levan facendo anos en Ribadetea, mentres atrasaron o inicio das obras. A realidade é que no orzamento do concello para 2025 non destinan nin un só euro a saneamento, e mesmo votaron en contra da proposta do Bloque para incluílo”, afirma. O BNG criticou tamén a insistencia das “actitudes antidemocráticas do goberno de Castro” coa sesión extraordinaria e urxente do Pleno. Foi convocado na tarde do martes para a mañá do mércores, “sen aviso previo da intención de tratar o Ciclo Integral da Auga, para impedir que os grupos da Corporación puidesen examinar un expediente que supera as 3.000 páxinas”. Bouzó afeou tamén as contradicións de Juan Carlos González Carrera (ACIP), que sempre se amosou contrario ao contrato do Ciclo Integral da Auga e agora pon en marcha a súa tramitación”.

O portavoz do Bloque lembrou que “o Ciclo Integral da Auga xa foi aprobado polo goberno do BNG no 2023, co voto en contra de ACIP, e permitía investir na mellora e ampliación das infraestruturas de saneamento e abastecemento no rural. A dereita chegou ao goberno, deixaron todo nun caixón, e agora volven traer o mesmo asunto ao pleno para volver aprobalo con proxectos que xa tiña en marcha o BNG. Nótase que os cartos non son seus”, ironizou Bouzó.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.