A Coruña | A Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, que tivo lugar esta mañá en María Pita, acordou a aprobación da candidatura da cidade ao Plan de sustentabilidade turística en destino convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que busca impulsar o sector do turismo post-pandemia e avanzar na transformación dos destinos turísticos cara un modelo baseado na sustentabilidade.
O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, destacou e agradeceu a “unanimidade de todas as partes” para chegaren a este acordo e optar a un investimento na cidade de 5 millóns de euros entre 2022 e 2024 a través dos seguintes eixos de actuación: dixitalización dos museos, apoio para a transformación dixital das pymes turísticas, Coruña Surf City, escoita activa, campaña de comunicación dixital, oficina turística virtual, sinalización dixital, destino turístico intelixente, dinamización da Torre de Hércules, Aula Atlántica, Governanza Destino Turístico Intelixente, oficina técnica do proxecto. O plan finánciase a partes iguais polo Estado, Goberno autonómico e Concello.
“A candidatura que presenta A Coruña propón a potencia e os apoios cidadáns necesarios para ser a beneficiaria neste plan estatal para o impulso do sector turístico” sinalou Borrego, quen tamén gabou a proposta do Goberno central por esta iniciativa sustentable “que daría un pulo á dixitalización do turismo coruñés”.
“A candidatura que presenta A Coruña propón a potencia e os apoios cidadáns necesarios para ser a beneficiaria neste plan estatal para o impulso do sector turístico”
A comisión tamén puxo en coñecemento a comunicación remitida por Vueling sobre a solicitude da resolución anticipada do contrato asinado en 2019. A aeroliña asume que o cumprimento das condicións pactadas non é posible debido ás consecuencias que a industria da aviación está a sufrir pola propagación da Covid-19. Analizada a solicitude de Vueling, dixo o concelleiro, o Consorcio de Turismo “proporá nunha nova Xunta de Goberno a solución que o Goberno de Inés Rey ofrecerá con respecto á resolución do contrato solicitada pola compañía”.
Pola súa banda, Vueling manifestoulle ao Consorcio de Turismo o seu interese en seguir colaborando de cara ao futuro e en canto a nova normalidade o permita. Juan Ignacio Borrego sinalou que o Goberno de Inés Rey continúa traballando para recuperar a conexión co aeroporto de Londres “porque non hai outro aeródromo que non sexa Heathrow o prioritario para as necesidades de conectividade aérea desta cidade”.
O Consorcio tamén aprobou hoxe un modificativo de crédito para apoiar ás axencias de viaxe coruñesas a través dunha liña directa de axudas por parte do Consorcio de Turismo a cambio de paquetes turísticos de promoción de viaxes á Coruña, en colaboración coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI). O concelleiro de Turismo apuntou que “A Coruña será a primeira cidade en ofrecer axudas directas ás axencias de viaxes, un dos sectores máis golpeados pola crise da Covid-19”.
“O Consorcio tamén aprobou hoxe un modificativo de crédito para apoiar ás axencias de viaxe coruñesas a través dunha liña directa de axudas por parte do Consorcio de Turismo a cambio de paquetes turísticos de promoción de viaxes á Coruña”
O edil de Turismo destacou a adopción dos acordos das adxudicacións definitivas da contratación dun servizo de promoción do sector turístico local e a súa conectividade aérea co País Vasco e sur de Francia (Volotea) e co aeroporto Adolfo Suárez de Madrid – Barajas (Iberia).
Doutra banda, o Consorcio de Turismo acordou solicitar á Deputación da Coruña un convenio por valor de 85.000 euros para realizar actividades que impulsen a proxección e promoción internacional da cidade da Coruña como destino de producións audiovisuais e de turismo cultural. Estas actividades contemplarían música electrónica, unha curtametraxe para a promoción turística da cidade e un congreso literario.
Na reunión tamén se lle deu o visto e prace á aprobación dun convenio de colaboración entre o Consorcio e a Fundación Convention Bureau cun financiamento de 60.000 euros para levar a cabo accións vinculadas co turismo MICE durante o exercicio 2021. Entre elas, a organización de viaxes de inspección dirixidos a compradores potenciais interesados no produto MICE da Coruña, a contratación dun Gabinete de comunicación para a promoción da cidade como destino de congresos, a organización dun evento anual na Coruña para lograr prescritores e outro para establecer sinerxias con outros convention bureau da contorna nacional e internacional.
“Na reunión tamén se lle deu o visto e prace á aprobación dun convenio de colaboración entre o Consorcio e a Fundación Convention Bureau cun financiamento de 60.000 euros para levar a cabo accións vinculadas co turismo MICE durante o exercicio 2021”
O edil de Turismo explicou que “as accións recollidas neste convenio deberán ser executadas por empresas do sector do turismo coruñés” e amosou a súa “total convición” de que o impulso do Concello a través deste acordo “será fundamental para o desenvolvemento do turismo profesional de congresos e reunións en destino, un segmento que xera un gran número de empregos de alto valor agregado, aumenta as pernoitas e axuda a regularizar a estacionalidade da demanda turística, esencial para o desenvolvemento dunha industria turística local rentable e sustentable”.