Mondariz | A visita do xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar ao Concello de Mondariz visibiliza a definitiva resolución dos problemas de cofinanciamento derivados dos impagamentos acumulados durante o mandato anterior
Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, e Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, formalizaron a sinatura do novo convenio de colaboración para a prestación do servizo de centro de día na localidade.
O Concello de Mondariz recibiu este venres, 30 de setembro, a visita do xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, meses despois de chegar a importantes acordos sobre a resolución dos problemas de cofinanciamento do centro de día de Mondariz e a renovación do convenio de colaboración entre as dúas partes para a prestación deste servizo.
Após formalizar na Casa Consistorial a sinatura do novo convenio a catro anos, establecido o pasado mes de abril, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dirixiuse á sede do centro de día de Mondariz para coñecer as instalacións e conversar coas persoas traballadoras e usuarias, acompañado polo alcalde, Xosé Emilio Barros, e o concelleiro de Servizos Sociais e Facenda, José Luis Fernández.
Situación totalmente regularizada
Esta simbólica visita deu por pechado o conflito entre Xunta e Galicia e Concello de Mondariz polo incumprimento dos compromisos de cofinanciación do centro de día. A débeda que acumulaba Mondariz, en relación a este servizo, saíra á luz pública no verán de 2019, semanas despois de que as últimas eleccións municipais propiciaran un cambio de Goberno.
Esta situación, que comprometía enormemente as finanzas municipais e o propio futuro do centro de día da localidade a un ano de vencer o convenio de colaboración, nunca fora visibilizada diante da Corporación Municipal e requeriu dun arduo proceso de investigación e análise por parte do Goberno actual para negociar o pagamento co Consorcio. Naquel momento, ademais, o Concello de Mondariz funcionaba cun orzamento obsoleto pensado para 2017 que non incluía partidas para os pagamentos relacionados co centro de día, polo que as negociacións iniciais foron aínda máis complicadas.
Para chegar a unha conclusión favorable, no entanto, fixeron falta meses de xestións políticas e administrativas. O Concello de Mondariz pagou as cotas semestrais correspondentes aos anos 2019, 2020 e 2021, normalizando totalmente a situación; mentres que a débeda histórica de 92.500 euros, correspondente aos anos 2017 e 2018, foi renegociada formalmente para unha devolución fraccionada en 25 meses, entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2024.
A reclamación por vía xudicial da retención da débeda histórica e a dotación no orzamento municipal de 2021 da cantidade suficiente para efectuar os pagamentos semestrais de 2021 e 2022 ao Consorcio polo centro de día de Mondariz acabaron por ser accións claves para a resolución desta situación irregular.
Goberno responsable e xestión eficaz
En lugar de arquivar o asunto e deixar apodrecer o conflito, o Goberno municipal asumiu a responsabilidade desde o primeiro momento, solicitando reunións co Consorcio e preparando un novo orzamento municipal que incluíra as partidas necesarias. Aínda así, en xullo de 2020 foi notificado que os 92.500 euros correspondentes aos anos 2017 e 2018 serían retidos dos ingresos que debía recibir o Concello a través do Fondo de Compensación Interterritorial. Esta decisión, xa entón de dubidosa legalidade, obrigou ao Concello de Mondariz a interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do director xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda a mediados de setembro de 2020 que, en abril de 2021, o Tribunal de Xustiza de Galicia resolveu favorablemente por defectos de forma e outras irregularidades detectadas no procedemento.
Nesta sentenza declarábase ilegal a retención da débeda histórica polo centro de día de Mondariz, polo que se abría un novo período de negociación da mesma co Consorcio. En lugar de proceder á devolución dos 92.500 euros retidos pola débeda contraída en 2017 e 2018, negociouse compensar este importe coas liquidacións correspondentes aos anos 2019 e 2020 e aboar a diferenza.
Así mesmo, respecto da débeda histórica de 2017 e 2018, o Goberno municipal propúxolle ao Consorcio unha devolución fraccionada en 25 meses que finalmente foi aceptada. “Iniciar un preito cunha argumentación clara e contar cuns orzamentos municipais que incluíran esta partida foi fundamental para resolver este asunto antes de 2022 e normalizar a situación”, conclúe José Luis Fernández, concelleiro de Facenda e Servizos Sociais de Mondariz.
As orixes do conflito
A crise de débeda do centro de día de Mondariz, malia saír á luz pública no verán de 2019, comezou anos antes, cando en 2017 se mudou o sistema de cofinanciación deste servizo. Naquel momento, déuselle aos concellos a posibilidade de manterse no sistema de cofinanciamento anterior, pero o Goberno municipal que tiña Mondariz aceptou o novo sistema de cofinanciamento por omisión.
Así pois, xa en 2017, o Concello de Mondariz comezou a recibir as liquidacións correspondentes a este novo sistema de cofinanciamento do centro de día. Cómpre ter en conta que antes de 2017, co antigo sistema de cofinanciación, tampouco se pagara nada desde que en 2010 se asinara o convenio de colaboración para poñer en marcha o centro de día, pero esta débeda anterior a 2017 foi “aparcada lexislativamente”, segundo se manifestou durante as reunións que mantivo o Goberno municipal coas autoridades do Consorcio.
Co sistema de cofinanciación que entrou en vigor en 2017, Mondariz paga anualmente 2.500 euros por cada habitante do Concello que faga uso do centro de día a pesar de que as instalacións son de propiedade municipal, pero non pode asignar ningunha das 30 prazas entre os seus veciños e veciñas porque esta é unha competencia da Xunta de Galicia. Polas persoas usuarias do centro de día que veñen doutros concellos, é a Xunta quen asume o custo total do servizo.
“O legado que recibimos do Goberno anterior non foi favorable e tivemos que destinar moitos esforzos a resolver problemas como este co centro de día, que tamén chegou a prexudicar ao Concello de Mondariz financeiramente cando a Xunta decidiu reter os 92.500 euros pendentes de pagamento dos ingresos municipais que veñen do Fondo de Compensación Interterritorial”.
“Lamentamos que o principal grupo da oposición non asumira a responsabilidade deste problema en ningún momento, e tampouco apoiara a súa resolución, votando en contra dun orzamento que si incluía as partidas necesarias para cofinanciar o servizo”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
“Con todo, estamos satisfeitos coa resolución do problema. A situación do centro de día está a día de hoxe totalmente regularizada, e a relación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar é cordial”.
AporM critica a falta de apoio ao Ciclo Coral Outono en Son
Alternativa por Mondariz (AporM) lamentou que o Concello de Mondariz non colabore coa agrupación Mistura Vocal financiando o evento, VI Ciclo Coral Outono en Son, que levaba 5 edicións realizándose en Mondariz e converténdose nun evento de corais de referencia na contorna.
En canto ós fondos para financialo, AporM indicou que os mesmos non son municipais, senón que son fondos da deputación polo Plan Concellos, ao igual que os 12.100€ do Grupo América e os 5.445€ do escenario do Grupo Dakidarría (actuacións das festas de Mondariz), non sendo estes grupos do municipio o igual que Mistura Vocal, coa diferencia de que este último si ten veciños entre as súas filas.
Tamén negaron que eses 4.000€ vaian a repercutir en asociacións da vila, criticando que esta é unha “decisión exclusivamente política”.