O mundo todo muda. A Unión Europea enfronta decisións esenciais nos vindeiros anos. O Estado español amosa a súa crise sistémica: centralismo reactivo ou plurinacionalidade construtiva? As feblezas duns son as oportunidades doutros. Cómpre aproveitarmos das actuais posibilidades para construirmos estruturas de País para Galicia.
Non hai nación nin autogoberno sen un financiamento acaído dos servizos públicos que faga posíbel vivirmos mellor. Que vencelle o autogoberno co benestar. Que nos devolva a chave da caixa. Se o Estado é quen recada, decide e reparte, calquera modelo de limitado autogoberno fracasará. Naufragará no actual infrafinanciamento dos servizos esenciais: sanidade, educación, dependencia e demais servizos sociais.
O pacto entre PSC e ERC fracasará porque nin os socialistas han cumprir nin os republicanos perseguen outra cousa que sobrevivir dende unha parte do sottogoverno mercando tempo até as vindeiras eleccións catalás. Mais a reacción a este pacto mal parido está a reflectir a obsesión das elites extractivas do Estado coa chave da caixa. Galicia está a recadar entre 13 mil e 14 mil M€/ano en impostos e ven recibindo do Estado un mínimo de 4.600 M€ menos.
Neses números non temos en conta nin unha distribución acaída do Imposto de Sociedades nin a recadación dos Impostos especiais tendo en conta o territorio onde se xerou cadanseu feito impoñíbel. Velaí un debate que haberá de se abrir na Galicia, o mesmo nos media ca na Academia.
Outra estrutura de País é a competencia exclusiva na política lingüística e as competencias partilladas na inmigración. Galicia precisa dunha igualdade real xurídica entre galego e castelán e isto só pode acadarse dende a obrigatoriedade do coñecemento do galego, ao nível actual da obrigatoriedade do castelán. É preciso que todos os empregados públicos (tamén maxistrados, xuíces e fiscais) coñezan e usen dun xeito acaído a nosa lingua. Tamén os empregados públicos sanitarios, que han ser conscientes que o descoñecemento da lingua da persoa doente afecta a calidade do seu servizo. E, indubidábelmente, as persoas que veñan doutros países e territorios para partillar no noso a súa vida.
“Galicia precisa dunha igualdade real xurídica entre galego e castelán”
Introduce esta cuestión lingüística a necesidade de que Galicia poida partillar, polo menos en réxime de cosoberanía, a política de inmigración, para garantirmos unha integración real das novas persoas residentes a respecto da nosa lingua e alicerces socioculturais e máis a posibilidade de orientarmos as políticas de inmigración ao obxectivo estratéxico do retorno das persoas galegas repatriadas e dos seus descendentes.
Outra cuestión esencial é a posibilidade de competirmos internacionalmente nos distintos deportes como seleccións galegas. Certo é que o Comité Olímpico Internacional (COI) non permite partillar nas Olimpiadas ás nacións sen Estado como a nosa. Mais temos por diante moito camiño por percorrer nas diferentes Federacións Deportivas internacionais. Velaí a FIFA ou a UEFA, que permitirá que Galicia partille unha Eurocopa ou un Mundial tan logo como a Federación Española de Fútbol o permita. E isto só depende de dúas moi puntuais reformas das leis estatal e galega do deporte para autorizalo.
“Outra cuestión esencial é a posibilidade de competirmos internacionalmente nos distintos deportes como seleccións galegas”
A crise constitucional española é evidente. A Unión Europea terá que mudar substancialmente. Somos quen a construír potentes estruturas de País se somos quen a pensar a medio e medio-longo prazo e a pór as luces de ampla visibilidade.