Conta atrás para a Semana das Ciencias en Ponteareas

A II Semana das Ciencias dará comenzo o 24 de abril e repartirá as súas actividades entre o Auditorio “Reveriano Soutullo”, a Biblioteca Municipal, o Concello e as rúas de Ponteareas

Ponteareas | Nesta nova edición da Semana das Ciencias, a Concellería de Ensino ven de organizar diferentes actividades para os escolares de todos os Centros de Ponteareas así como para todo o público en xeral, cun cartel amplo e diverso que ten como principal obxectivo “levar a Ciencia a toda a veciñanza, así como facer que o noso alumnado vexa a parte práctica e máis atractiva de distintas materias educativas do ámbito científico”, comenta Cristina Fernández Davila.

Dende o 24 ata o 29 de abril, poderemos disfrutar do Museo Científico “Ciencia en Movimento”, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria e 4º ESO. Conferencias a cargo de recoñecidos científicos como Xerardo García Mera, Andrea Fernández Vilela, Bárbara Álvarez Besadio, Sergio Quiroga Rivero e o coñecido físico Jorge Mira Pérez. A “Feira das Ciencias” nas rúas do entorno do Auditorio, onde exporán inventos, proxectos e investigacións diversas o alumnado dos Colexios e Institutos. E “Achégate á Ciencia” con diferentes experiencias científicas diante do Concello.

ciencia

 

Como novidades este ano se incorpora o Seminario para Profesorado “Achegamento da Ciencia á Ensinanza” na Biblioteca Municipal, cos relatores: J. Benito Vázquez Dorrío e Antonio Gregorio Montes, abrindo a inscripción a todo o profesorado de Ponteareas e a súa Comarca ata o vindeiro 20 de abril. E o sábado 29, ás 19 h. farase a clausura coa representación da obra “Non toques os meus círculos” de Artello Teatro no Auditorio Municipal.

Cristina Fernández engade que “este ano teremos a sorte de contar coa presentación de “Microcharlas” de alumnos/as de diferentes Centros antes do comenzo das Conferencias, polo que convidamos a todos os pais e nais a achegarse ao Auditorio para presenciar o estreno destes futuros científicos”.

Paralelo a todo o evento na vila, están organizadas distintas saídas educativas para o alumnado: O de Bacharelato visitará as instalacións da empresa Ecocelta, productora de vermicompostaxe e o alumnado de Infantil do CRA “A Picaraña” que fará unha excursión ao Museo do Mar en Vigo, posibilitando así que todos os Centros Educativos teñan o seu espazo dentro da Semana das Ciencias.

“É moi importante en calquera actividade organizada dende a Concellería de Ensino, e moito máis na Semana das Ciencias, a colaboración e implicación do profesorado, equipas directivas dos Colexios e Institutos e tamén do alumnado voluntario. Todas as ideas e actividades a desenvolver foron propostas en distintas reunións nas que mediante consenso foise creando o cronograma deste evento. Agardamos que esta nova edición teña polo menos o mesmo éxito que a do ano 2016”, engade Crsitina Fernández Davila.