Continúan as doazóns de material de protección en Tui

De forma solidaria e altruísta persoas coma a familia Mariño Rodríguez e as integrantes do grupo Bicho Fóra confeccionan nas súas casas este elementos


Tui | A solidariedade chega de moi diversos xeitos ao Concello de Tui neste Estado de Alarma. Persoas anónimas, grupos voluntarios, empresas…, están a aportar o seu gran de area na loita contra o COVID 19.

Así máis de 100 pantallas de protección teñen sido entregadas no Concello pola familia Mariño Rodríguez, tras fabricalas nas últimas semanas. A familia contaba xa cunha impresora 3D á que sumaron outra cedida polo CEIP nº1. Mentres dende o CRA Mestra Clara Torres aportaron a cantidade económica precisa para mercar 5 rollos de filamento que se emprega coma material prima nas impresoras. Tamén aportaron o seu gran de area na elaboración das pantallas Ideas CB doando a cinta elástica, TCopias aportando transparencias, e a familia Ríos Espiñeira colaborando economicamente. 43 destas pantallas de protección foron entregadas ao Centro de Saúde, xunto a correctores para as gomas das mascarillas.

Por outra parte o grupo “Bicho fóra”, integrado por máis de 30 persoas, leva confeccionado máis de 3 mil mascarillas en tecido non tecido, seguindo as recomendacións da guía publicada polo Ministerio de Industria, máis de 200 batas e gorros. Un material de protección que é recibido no Concello de Tui, e que tras ser esterilizado serán doadas a persoas e grupos que o precisen.

Dende ABANCA tamén fixeron chegar ao Concello unha doazón de mascarillas de primeira protección. Un material que foi elaborado por un equipo de voluntarios do CFP Colegio Hogar Afundación.

Dende o Concello de Tui quérese novamente amosar o agradecemento por estas doazóns, e o esforzo que estas persoas están a realizar para elaborar este material de protección, co que se contribúe a protexer a moitas outras persoas. Trátase dun labor altruísta e solidario encomiable o que este grupo está a realizar.