Mos | A finais do pasado mes de xullo informábase de que se atopaba en marcha o procedemento de contratación dunha empresa a maiores que participara na execución subsidiaria da limpeza de fincas incluídas no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Pois ben, o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, anunciou xa que o proceso se atopa finalizado e contratada a empresa adxudicataria do servizo, que comezará a actuar no prazo dunha semana.
As execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais empezaron a principios de xuño e refórzanse agora coa contratación desta empresa.
Neste senso, e para tranquilidade dos denunciantes, procédese a limpeza de fincas con expediente sancionador de Medio Ambiente que non foron limpadas polos seus propietarios no prazo establecido. E comunícase, para coñecemento dos propietarios que, ante calquera dúbida, poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se plantexen a este respecto.
Se ben o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, aproveitou hoxe para apelar á calma dos/as veciños/as denunciantes, xa que desde que formalizan a denuncia ata que se executa a limpeza subsidiariamente é precisa a realización dunha serie de trámites administrativos que levan un tempo.
Este procedemento atópase incluído no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que o Concello de Mos aprobou tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, SEAGA e a Fegamp.
O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Plans de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal.
Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deben proceder á súa limpeza.
Tal e como explicaron a alcaldesa Nidia Arévalo e o concelleiro Leo Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.