A Cañiza | Na madrugada deste domingo, 31 de xullo, declarouse un incendio na zona de Oroso, moi cerca das naves da II Fase do polígono industrial Ribadil. Un perigo que provocou que se declarase a alerta 2 de incendios e que durante máis dunha hora se cortara o tráfico na Autovía A-52 e durante dúas horas a N-120.
Na extinción deste incendio colaboraron os efectivos do Concello da Cañiza coa maquinaria e o camión motobomba, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Baixo Miño e Ribadavia, os bombeiros de Vigo e de Porriño así como medios aéreos que entre todos lograron apagar rápidamente o incendio sen consecuencias maiores, pero coa queima de 24 hectáreas de terreo. A todos eles o noso máis sinceiro agradecemento pola labor desenvolvida.
Dende este comunicado o Alcalde, Luis Piña, fai un chamamento a importancia e necesidade de ter limpos e libre de matorral e maleza os montes e fincas. Unha obriga que establece a Lei de Incendios.
Tamén recorda a todos os cañicenses de que estamos sufrindo un episodio de vaga de calor en curso de nivel 2, alerta laranxa.
Polo que debemos adoptar entre todos as medidas preventivas necesarias tanto en materia de saúde como medioambiental.
Incendios no Condado-Paradanta
Os Concellos de Arbo, A Cañiza e Ponteareas rexistraron diversos incendios nos últimos días do mes de xullo que circundaron a autovía A-52, moi perto do polígono industrial.
A parroquia arbense de Mourentán foi a máis afectada deste Concello, cun incendio que arrasou 400 hectáreas, sendo o máis importante ata agora da Provincia de Pontevedra. Por outra banda, na localidade cañicense de Oroso, no lado sur da autovía A-52, o incendio achegouse moi preto do polígono industrial, en particular da fábrica de plásticos rodeada do bosque de eucaliptos que calcinou 25 hectáreas. Deste xeito, debeuse cortar brevemente o tráfico na A-52 para redirixilo pola N-120 [estrada Vigo-Ourense], vía que tamén rexistrou a aparición de lume.
Mentres o incendio na Cañiza aínda seguía activo para o final da tarde do 31 de xullo comezouse a observar na madrugada do 1º de agosto outro incendio na parroquia de Padróns en Ponteareas sendo estabilizado. Situación similar viviuse en Mondariz e no Porriño, con conatos de incendios igual de sospeitosos pola súa proximidade no tempo, en particular nas parroquias porriñenses de Budiño e Torneiros, finalmente estabilizados.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que os incendios de Arbo e A Cañiza foron intencionados e coincide cunha onda iniciada o sábado 30 en Arbo e prolongada a Ponteareas, O Porriño e Mondariz deixando 450 hectáreas arrasadas. A calor extrema tampouco axudou cos operativos de extinción, de acordo cos datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), activándose a alerta laranxa nos concellos pegados ao río Miño nas provincias de Pontevedra e Ourense e nas Rías Baixas.