A Coruña | Publicacións, un estudo arredor das competencias e usos lingüísticos na infancia ou os cursos de galego para persoas de fóra de Galicia son algúns dos accións da Real Academia Galega que a Deputación da Coruña apoia a través dun convenio de colaboración que veñen de asinar o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.
“A Real Academia Galega agradece moi especialmente a colaboración da Deputación da Coruña para o desenvolvemento das súas función e actividades. A colaboración das institucións públicas, neste caso a Deputación Provincial da Coruña, constitúen achegas fundamentais para facer viable e potenciar as actividades dunha corporación histórica que ten a responsabilidade do mantemento, actualización e modernidade da lingua e da cultura de noso. Recollemos a memoria dos devanceiros para proxectala, renovada e vivificada, nas novas xeracións. Con esta filosofía traballamos”, sinalou Víctor F. Freixanes tras a sinatura do convenio.
A vicepresidenta da Deputación salientou, pola súa banda, que a través deste acordo a entidade provincial apoia o desenvolvemento de actividades de especial relevancia para a promoción da nosa lingua, “de maneira singular os cursos para persoas estranxeiras, o que supón un elemento de gran relevancia para a difusión da nosa cultura”. “Posuírmos persoas embaixadoras entusiastas do galego supón un elemento de internacionalización da nosa lingua que, ao mesmo tempo, beneficia o propio país por xerar orgullo do propio”, concluíu Goretti Sanmartín Rei.
A Deputación da Coruña apoia a través deste convenio os Curso de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” ou o estudo sociolingüístico das competencias e usos lingüísticos na infancia. Ademais, no programa de actividades inclúese a edición dixital de La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e outras publicacións.