Gondomar | O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XIV Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 4000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Rexerase polas seguintes
BASES:
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e doInstituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 400 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse en papel por triplicado, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a. Acompañaranse ás copias en papel un CD ou USB coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría.
Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título…, que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico. O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo
Instituto de Estudos Miñoráns
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 2 de setembro de 2022.
5. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. A persoa gañadora comprométese a impartir un obradoiro totalmente presencial de poesía en Gondomar entre os meses xaneiro e marzo de 2023. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio. O obradoiro poderá facerse de forma telemática no caso de que a persoa gañadora resida fóra de Galicia, feito que deberá acreditarse debidamente.
10. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11. O feito de participar supón a aceptación destas bases.
O Premio de poesía Victoriano Taibo recoñeceu até o de agora a obras das seguintes escritoras e escritores:
2008: Carlos Negro con Cultivos Transxénicos
2009: Mª Carmen Caramés con Cuarto Minguante e Elvira Riveiro e Silvia Penas con Biografía da Multitude
2010: Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles
2011: Calros Solla con Holocausto Zacoe
2012: Conchita Álvarez Lebredo con Distancias e Simetrías
2013: Ramón Sandoval con Territorios Estraños
2014: Lara Rozados con O caderno amarelo
2015: Iñaki Varela con Do outro lado das portas
2016: Xosé Iglesias con A relixión do mar
2017: Rafa Vilar con Erosións
2018: Laura R. Cuba con A situación actual
2019: Fran Fernández Davila con Mover os Marcos
2021: Arancha Nogueira con Antese.
O IEM e o Concello de Gondomar queren, a través deste premio, enxalzar a figura de Victoriano Taibo, escritor e mestre na parroquia de Morgadáns, e contribuír ao crecemento da literatura na nosa lingua, convertendo Gondomar e este premio nunha cita imprescindíbel para as Letras Galegas.