Ourense | O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a reunión de coordinación para o control de entrada de uva foránea de cara á vendima deste 2024.
Nesta xuntanza anual realizouse un intercambio de información entre sectores produtivos, administracións e forzas de seguridade e abordáronse as necesidades existentes neste eido.
Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica insistiron na súa total coordinación á hora de establecer o operativo de vixilancia, na procura da maior eficacia; dando prioridade á localización de puntos quentes que requiren un control especial, como son as zonas limítrofes con outras comunidades autónomas e a fronteira con Portugal, así como o acceso ás adegas.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno destacou “a importancia desta reunión”, xa que “a entrada de uva foránea supón un fraude para o consumidor e os operativos de vixilancia das forzas e corpos de seguridade garanten a máxima calidade dos viños das catro denominacións de orixe ourensás”.
No encontro estiveron tamén presentes a directora territorial de Presidencia, Beatriz Fernández; o director territorial de Medio Rural, José Antonio Armada; o director de AGACAL, Martín Alemparte; o presidente do Consello regulador da DO Monterrei, Jonatás Gago; a secretaria do Consello regulador da DO de Valdeorras, Ana Patricia de Andrés; o presidente do consello regulador da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía; a presidenta do Consello regulador da DO Ribeiro, Concha Iglesias; a xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación, Mari Carmen Lodos; o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, e representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, Garda Civil e Policía Nacional.