Ourense | Coral de Ruada recibiu o Premio Otero Pedrayo 2024 nun acto celebrado no paraninfo do IES que leva o nome do insigne galeguista e no que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, como institución organizadora este ano; o conselleiro de Cultura, José Campos, en nome da Xunta de Galicia como colaboradora; e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.
Menor Pérez lembrou durante o seu discurso que a Coral de Ruada foi fundada no ano 1918, dous anos antes que a Revista Nós na cidade de Ourense, estando moi vinculada ao movemento galeguista con moitos dos membros da Xeración Nós como o propio Otero Pedrayo, Vicente Risco, ou Florentino López Cuevillas. “Un símbolo cultural intrínseco a Ourense que ten o respecto, o cariño e a admiración de todos e todas nós”, dixo o presidente, para quen “a Coral de Ruada ten un protagonismo destacado e sempre merecido na banda sonora orixinal da nosa provincia”.
De feito, Menor explicou que a Coral de Ruada non se trata só dunha agrupación folclórica “senón que é unha institución galeguista que tivo e ten un papel moi destacado na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua”.
Testemuña dun século de historia
O conselleiro de Cultura, José Campos, puxo en valor a traxectoria “impecable e extraordinaria” da agrupación ourensá e subliñou o “orgullo de celebrar os valores do galeguismo que sabemos transmitir en Galicia en xeral, e na provincia de Ourense, berce do galeguismo, en particular”. Neste sentido, Campos referendou o seu compromiso coa identidade “territorial e social”, cun galeguismo “integrador, moderado e intelixente como o era o de Otero Pedrayo”.
A presidenta da Coral De Ruada, Fátima Malingre, recolleu emocionada o galardón, nun discurso no que destacou á Coral como “testemuña dun século de historia no que percorreu camiños difíciles e fermosos”, sempre co obxectivo de “preservar as nosas tradicións”. Tivo unha lembranza especial para os integrantes da agrupación que xa non están, pero tamén recordou ás novas xeracións e o público fiel que os acompaña. “Representamos a unha Galicia viva, orgullosa e con voz propia”, sinalou. “Un día grande”, apuntou Miguel Santalices, que lembrou a súa chegada como presidente ao Parlamento galego en 2016, momento no que instituíu a entrega das medallas da Cámara galega organizando “un solemne acto no que por primeira vez participou a Coral de Ruada”.
Galardón honorífico convocado desde 1977
O Premio Otero Pedrayo é un galardón honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais galegas, co apoio da Xunta de Galicia. O premio é de carácter rotatorio e nesta edición correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense, motivo polo que o acto de entrega do mesmo tivo lugar na cidade. Segundo o xurado, a Coral de Ruada é digna merecedora desta distinción “polo seu papel moi destacado na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua”.
Historia da Coral de Ruada
Fundada no 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado “Lameiro”, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández e Cesáreo Eire, presentouse no Salón Apolo de Ourense o día 24 de xuño de 1919 e en Madrid en 1920.
Na actualidade centra o seu labor na difusión dos temas folclóricos galegos e a polifonía galega e universal nas Sociedades Culturais de Galicia, España e o estranxeiro. Ademais do coro, ten a Escola de Música Tradicional “Virxilio Fernández”, o grupo de Teatro “Xabier Prado -Lameiro”, e a escola de baile “Coral de Ruada”.
A formación participa tamén en numerosos actos institucionais, colaborando co Concello, Deputación, Catedral de Ourense e Xunta de Galicia. Por outra banda, de Ruada organiza todos os anos o “Premio Xabier Prado -Lameiro-”, as xornadas “LembradeNÓS”, o “Certame De Ruada”, o “Concerto dos Amigos” no Teatro Principal e o “Concerto de Nadal” na Catedral de Ourense.
Desde o ano 2022 preside a Xunta de Goberno da Coral Fátima María Malingre Grande. A formación está composta, actualmente, por 42 voces mixtas, 10 instrumentistas (gaita, percusión, zanfona, piano e órgano) e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas. Na súa traxectoria, a Coral de Ruada recibiu numerosos galardóns, aos que agora se suma o Premio Otero Pedrayo 2024.