Correos comprométese a traballar man a man co Concello de Salceda para solucionar o caos na localidade

Salceda de Caselas | O pasado martes visitaban o Concello de Salceda de Caselas Jose Ramón Rivero, xefe de sector de Correos, e JoseÁngel del Río, xefe de distribución da zona noroeste, para abordar a problemática existente co servizo postal actualmente no municipio, tal e como se lle ten trasladado dende o Goberno Municipal. Na reunión estiveron presentes o Alcalde, Marcos Besada xunto coas Concelleiras de Consumo e Benestar Social, Loli Castiñeira e Tere Pérez respectivamente.

 

Tras unha análise da situación actual de Correos no municipio, na que por parte do Concello se volveu dar traslado das contínuas queixas recibidas por veciños e veciñas sobre retrasos e confusións coa correspondencia, as dúas entidades estableceron as medidas a tomar a curto prazo para poder ir solventando as incidencias canto antes. Así, Concello e Correos traballarán man a man na mellora do servizo, facendo partícipe tamén á veciñanza para que entre todos e todas se poida chegar a unha solución canto antes.

Así, ponse en marcha unha campaña para que os veciños e veciñas de Salceda comproben os seus enderezos, e os modifiquen en caso de non ser os correctos, pois en moitos casos no rural o traballo de distribución vese dificultado polos erros nos enderezos. Se a isto lle sumamos que a persoa titular das zonas afectadas está de baixa e cuberta a súa praza por outra persoa que non coñece os lugares, o resultado está a ser o caos existente actualmente. Naqueles casos en que os veciños e veciñas poidan ter dúbidas sobre o número correcto do seu domicilio, ou incluso o barrio, o Concello de Salceda está a súa disposición para aclararlles o enderezo correcto e evitar así este tipo de problemas.

Marcos Besada: “O dinamismo de Salceda fai obrigatoria a revisión e o correcto funcionamento do servizo prestado por Correos. Agradecemos o interese amosado pola situación que se está a vivir neste momento, e confiamos en que se resolverá no menos prazo de tempo posible”.