A Coruña | O goberno da Coruña vén de impulsar o traballo do Pacto Local polo Emprego, tras a súa renovación o pasado 23 de novembro, coa celebración dunha xuntanza da Comisión Técnica, coa participación das 25 entidades que subscribiron o acordo. Na convocatoria, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou a proposta do executivo coruñés de cara á constitución e composición das mesas temáticas de traballo do Pacto. Tal e como destaca o edil, a reunión “permitiu comezar a aterrar o labor realizado nos últimos meses, concretar propostas e coordinar a posta en marcha dunha iniciativa que non só mellorará a actividade económica, senón que facilitará o cumprimento do Plan Municipal de Emprego”. “O Pacto busca xerar coordinación e traballo en rede entre as institucións e as entidades, co obxectivo de analizar novas ferramentas que permitan fomentar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de inserción laboral, en especial daqueles colectivos con maior dificultade no seu acceso”, lembrou o concelleiro.
Así, o executivo municipal presentou esta mañá unha proposta de constitución de mesas temáticas e de adscrición das entidades sociais ás mesmas, así como das actividades que se poderán desenvolver, de forma conxunta, para fomentar o emprego e a reactivación económica. A primeira delas aboradará a Promoción do emprego, mentres que a segunda tratará cuestións específicas vinculadas á Economía social, promoción da actividade empresarial e emprendemento. Os criterios técnicos que se seguiron á hora de asignar as entidades foron a especialización, en función do desenvolvemento de políticas activas de emprego na cidade, vinculadas á promoción do emprego e ou ao emprendemento, e á creación de empresas, así como a voluntariedade e o interese das entidades sociais de participar en máis dunha mesa. “O proceso da inserción laboral implica diagnóstico, método, acción e avaliación. Desde a perspectiva do traballo en rede, debemos dar novos pasos e abordar accións que conxuguen o máximo nivel de cooperación, a calidade do emprego e as transferencias de boas prácticas”, apuntou Lema.
A primeira das mesas temáticas, Promoción do Emprego, está vinculada ao cuarto eixe do Plan Municipal de Emprego, e definirá as actividades a desenvolver para impulsar e facilitar o acceso a un posto de traballo das persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos máis vulnerables. As actuacións incidirán nun incremento do nivel de empregabilidade das persoas beneficiaras a través da formación, no contacto co mercado laboral real a través de prácticas en empresas ou intermediación laboral, na motivación para a busca de emprego, no coñecemento de dereitos eferramentas básicas ou no achegamento ao uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), entre outros. A mesa estará conformada por 15 entidades do ámbito municipal –Concello da Coruña- , sindical –CCOO e UXT- , universitario –UDC e FUAC- e terceiro sector –Arquitectura sen Fronteiras, Asociación Down Coruña, Cáritas Interparroquial, COGAMI, Cruz Vermella, Ecos do Sur, Feafes, Fundación Juan Soñador, Fundación Mujeres e a Fundación Secretariado Xitano- .
A segunda das mesas, Economía social, promoción da actividade empresarial e emprendemento, desenvolveranse actividades de potenciación económica municipal, a través de accións e programas que perseguen mellorar as posibilidades de éxito dos proxectos empresariais, o apoio ao autoemprego e á economía social, así como a supervivencia das pequenas empresas. Participarán desta mesa 17 entidades, entre as que se atopan o Concello da Coruña, a UDC, CCOO e UXT, ademais de ASCEGA, AEIGA, AESGAL, Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios da Coruña, Espazo Coop. Unión de Cooperativas Galegas, ATA-GALICIA, AJE, Asociación de Empresarias da Coruña, Fundación Juana de Vega, Fundación Ronsel. Nesta mesa tamén terán presenza representantes do terceiro sector, como Arquitectura sen Fronteiras ou Fundación Mujeres.
Foro de Emprego
Ademais, entre as medidas propostas polo goberno local para dar visibilidade e facilitar a transferencia das boas prácticas que se xeneren no marco da iniciativa, o Concello –que, como entidade promotora do Pacto, ten a encomenda de dirixir, deseñar propostas e liderar a coordinación global do pacto- activará diferentes recursos web, ofrecerá un boletín de ofertas de emprego, e promoverá a celebración de dúas xornadas técnicas, tanto dun encontro de intercambio metodolóxico entre Pactos Locais polo Emprego, como do Foro de Desenvolvemento Económico e Emprego, “que suporá”, en palabras de Alberto Lema, “o colofón ao traballo realizado durante todo o ano a través do Pacto Local, e que contará coa participación das entidades e empresas máis relevantes a nivel local así como da área metropolitana”. A proposta, que terá lugar no último trimestre do presente exercicio, promoverá o contacto de persoas desempregadas con grandes empresas. Así, ademais de coñecer os perfís que buscan as compañías e entregar o seu currículum, as partiticipantes poderán asistir a obradoiros específicos dirixidos á busca de emprego.