Cadernos da viaxe.
As eleccións nacionais celebráronse o 19-F e o Parlamento de Galicia constituise o luns 18-M. Os grupos tiñan prazo para se constituir até o 25-M, mais a adscrición de todos os deputados entre os Grupos do BNG, PSdeG e PP era inmediata, así como que era evidente que o Grupo Mixto habería de se constituír co único deputado de Democracia Ourensana. A maioría absoluta do PP simplificaba os trámites. Os presidentes Rueda e Santalices podían axilizar os trámites para racharmos coa interinidade e termos goberno na primeira semana de abril.
Malia esta realidade, xa o 19-M e nos días seguintes publicáronse novas en varios medios que prognosticaban o adiamento do debate de investidura pola voda do alcalde de Madrid o sábado 6-A, o que desaconsellaría fixar o acto de promesa do Presidente da Xunta nesta data, obrigando xa que logo, adiar a convocatoria do debate de investidura. Na altura non houbo desmentidos oficiais diante desas informacións.
Ao remate da rolda de consultas que o presidente do Parlamento desenvolveu cos representantes dos partidos con representación na Cámara Ana Pontón (BNG) denunciaba a subordinación da axenda dos intereses galegos por parte do Presidente en funcións ao preferir a asistencia á voda do alcalde madrileño (canda Núñez Feijóo, Aznar, Esperanza Aguirre e Díaz Ayuso). Moi axiña o voceiro parlamentario do PP desmentiu esta subodinación, mais velaí estaban as hemerotecas de hai quince días para ratificar a solvencia do xuízo de Pontón.
“Rueda comezará deste xeito este seu mandato cun erro , que xurde dun nidio sinal de falla de responsabilidade institucional”
Rueda comezará deste xeito este seu mandato cun erro , que xurde dun nidio sinal de falla de responsabilidade institucional, malia que adquira máis importancia pola súa falla de habilidade política. Porque tiña moi a mán desmontar esta liña de crítica simplesmente suxeríndolle a Santalices un calendário non subordinado á voda de Almeida. E non o fixo porque dalgún xeito partilla-ou polo menos non é quen de reflectir que non o fai– a idea de que as troulas e “saraos” dos dirixentes do PP son máis importantes que a axenda do Lexislativo e do Executivo do país que preside. Semella que pensa que lle compre amosar máis respecto e consideración por Núñez Feijóo, Díaz Ayuso e Almeida ca polo Parlamento que elixiu a cidadanía.
Por outra banda, o evento emitiu unha mensaxe de adhesión á liña “cayetana” do PP madrileño, coa grande icona incluída da implícita homenaxe que recibiu o Emérito, recebido como se fose unha “star system”, como si os Almeidas, Díaz Ayuso, Nuñez Feijoo e Aznares quixesen transmitir a mensaxe á cidadanía de que compre reivindicar unha persoa que non paga os seus impostos no Estado, que ninguén sabe quen lle paga as súas viaxes privadas e que non foi xulgado por graves delictos simplesmente porque o Constitucional considerou que era xurídicamente irresponsábel ate o 18 de xuño de 2014.
Un erro no dimensionamento dun problema que de menor converteuse en moi considerábel. E que, dende logo, amosa que Rueda está ben máis pendente dos xefes en Madrid do PP que do prestixio ás Institucións galegas e máis o respecto á nosa cidadanía.
Será, sem dúbida, cousa das súas prioridades.