Hoxe a punto de coller unhas curtas vacacións vou tentar deixarlles unhas cantas “perlas desta tola sociedade” para que Vdes. teñan algo máis en que pensar, reflectir; agora que todos escapamos pros ríos e praias do País.
Como a orde dos factores non altera o resultado comezaremos, por exemplo, cos segredos oficiais que o Goberno di vai poñer a punto. Están conxelados dende o ano 1968. Xa choveu. Os historiadores e investigadores levan décadas solicitando a desclasificación de feitos ocorridos trinta ou corenta anos atrás pero que seguen baixo o manto do “secreto de Estado”.
Por exemplo, que ocorreu, realmente, no xa histórico 23F? Cal foi o papel real do rei nesa noite de autos? Que pasou cos GAL? E en Montejurra? Cal foi o papel que xogou a Conferencia Episcopal española e como foi recompensada por Franco? Como se fraguou o Plan para atentar contra a República e quen ordenou que Franco pasara o charco e se viñera do Norte de África para poñerse a fronte dos sublevados? Quen financiou toda a operación? En fin, moitas cousas que están sen desenterrar do cadaleito dos tempos e que moitos non queren que se coñezan.
“Que ocorreu, realmente, no xa histórico 23F? Cal foi o papel real do rei nesa noite de autos? Que pasou cos GAL?”
Se non podemos saber o que sucedeu en realidade pouco poden valer as informacións que recibimos dun e doutro lado. Sempre serán de parte e contarannos o que lles interesa que coñezamos. Hoxe as “camadas”, que diría Beiras, nacidas despois dos anos 70 ou 80 non saben ren de como foi a vida dos seus pais e avós. Como sufriron a Guerra Incivil e como puideron, aqueles que o conseguiron, liberarse das cadeas do Movemento Nacional imperante.
Esperemos que a nova lei que será discutida no Parlamento a partires de setembro remate con tanta impunidade e silencio.
Outro tema que sae constantemente nos medios, mellor diríamos nos medios que lle son afíns, é a suposta capacidade do novo Presidente do PP para xestionar os temas económicos deste País. Unha mentira que o PP está utilizando coma un “mantra” sen que apresente probas porque non as pode haber. O que si coñecemos é o que fixo en Galicia. Chegou a Xunta cunha débeda de 3.950 millóns de euros e, cando se foi, o outro día coma quen di, deixouna con 11.314 millons, de euros. Toda unha estupenda xestión en catro lexislaturas con maioria absoluta. Anda dicindo que Pedro Sánchez ten empeñados aos españoles en 6.000 euros. En canto deixou el a cada galego? Fagan números.
A pregunta non é se Feijóo presume ou non de ser un bo xestor, a pregunta é por que practicamente todos os xornais, emisoras de radio e outros medios pesebristas deste País semellantes teñen asumido que o é. Como di o refrán “colle fama e déitate a durmir”.
Isto forma parte dunha película de cuatreros que, montados nos seus cabalos corruptos e explotadores sociais, entran na vila social presentándose coma os salvadores.
“A pregunta non é se Feijóo presume ou non de ser un bo xestor, a pregunta é por que practicamente todos os xornais, emisoras de radio e outros medios pesebristas deste País semellantes teñen asumido que o é”
Outro asunto serio sobre o que poden cavilar neste mes de agosto chámase cambio climático.
É de supoñer, aínda que nunca se sabe, que xa non quedarán persoas que neguen o cambio climático. Se co que está “chovendo” alguén continúa afirmando que iso do cambio climático é un “mantra” sen base científica algunha é porque o mundo está mais tolo do que podemos pensar.
“Os mares están reclamando as súas ribeiras. Os montes arden como se alguén lles botase gasolina”
Os mares están reclamando as súas ribeiras. Os montes arden como se alguén lles botase gasolina. As rúas están intransitables, cunha vaga de calor coma nunca se viu. Está claro que, por este camiño que vamos, dentro de 15 ou 20 anos o mundo comezará a facerse invivible. Claro que quedarán os de sempre. Os que se retirarán aos seus cuarteis de inverno rodeados de medidas de seguridade pensando, mal pocadiños!! Que alí nas súas burbullas ninguén poderá molestalos.
A natureza é moi sabia e moi potente. Non sabe de razas nin de culturas. O único que reivindica é o que é seu. Terras ocupadas por hoteis e viven das de luxo nas costas dos seus mares; grandes navieiras soltando peste nos seus mares sen importarlles a quen matan e a quen destrúen. Pero nestes momentos xa non quedan moitos heroes. A maioría sabe que ou tomamos medidas drásticas e deixamos de molestar a nai natureza ou ela se encargará de poñernos no sitio. Sitio que non ser outro que o de sufrir riadas, vagas de calor, volcáns en erupción, alimentos contaminados, etc. etc… Seguiremos coma no afundimento do Titanic que, mentres os pasaxeiros ían morrendo afogados, a orquestra seguía a tocar.
E para rematar non me resisto a convidalos que me acompañen nunhas cantas reflexións de tipo económico. Vexamos: a finais de 2021 foi aprobada unha nova reforma laboral. Reforma que ven a substituír a do PP dos tempos de Rajoy. A principal virtude desta reforma foi a de eliminar, aínda que non absolutamente, os chamados contratos lixo e forzar as empresas a contratar os seus traballadores dunha maneira mais indefinida; cotizar máis á Seguridade Social para que se vexan beneficiados á hora da xubilación. A dereita e a extrema dereita, acompañados ao piano por Cidadáns, puxeron o grito no ceu porque, segundo os seus cálculos do seu novo gurú económico Núñez Feijóo, íanse perder non sei cantos miles de postos de traballo. A cuestión é que ocorreu todo o contrario. Dende a súa entrada en vigor, a Seguridade Social confirma máis contratos indefinidos que antes.
Outro tanto ocorreu co chamado Salario Mínimo Interprofesional que se situou en 2022 en 1.000 euros, pero co compromiso entre Goberno e Sindicatos de que seguiría aumentando para 2023, alcanzando o 60% do salario medio que nestes momentos podemos cifralo nunha media de 2.300 euros. Ou sexa que no ano 2023 e 2024 terá que acadar os 1.300 euros máis ou menos.
Outro tema de reflexión podemos situalo nas pensións tan discutidas. Cando gobernaba o PP, as pensións só podían aumentar o 0.25% anual. Ben, pois hete aquí que os últimos acordos de goberno as pensións subirán un 2.5% cada ano e ademais recuperarán o incremento da inflación do ano anterior. É dicir, en 2023 os pensionistas recuperarán o aumento dos produtos deste ano que vai polo 12% de inflación. Isto quere dicir que a primeiros de xaneiro de 2023, os pensionistas verán as súas pensións aumentadas nun 2.5% e ademais recuperarán a inflación deste ano. Isto xa ocorreu no mes de xaneiro deste ano que andamos. Eu recuperei máis de 500 euros.
Por que os convido a que reflictan sobre estes temas das cousas de comer? Pois moi sinxelo, por que están sendo bombardeados dende os medios de comunicación que eu denomino pesebristas e que defenden aos máis pudentes que este goberno que temos é un desastre; hai que rematar con el; o País, polo visto, vai ao traste. Diante da proposta do Goberno de aplicar un imposto aos grandes bancos e ás empresas enerxéticas sobre os escandalosos beneficios que están declarando cada día, que nos soben o recibo da luz e dos combustibles de maneira escandalosa, mentres eles aumentas os seus beneficios, a dereita xa está dicindo que se chegan ao Poder tratarán de eliminarlle eses impostos. É obvio, son os seus; son os que lles abren as famosas portas xiratorias cando deixan a política porque perden o Poder. Hai que telos contentos, obviamente. Podemos entendelo; o que non podemos admitir é que a defensa do seu pecunio se faga a costa do sufrimento dos máis necesitados.
“Por que os convido a que reflictan sobre estes temas das cousas de comer? Pois moi sinxelo, por que están sendo bombardeados dende os medios de comunicación que eu denomino pesebristas”
Pensen nestas cousas, A ver se na próxima enquisa a resposta dos cidadáns está mais acorde co que realmente está ocorrendo. Certos resultados non son moi entendibles. Que os banqueiros e os que cobran 3 ou 4 millóns de euros por ano prefiran un goberno que poidan controlar é natural, pero que iso o estean amparando aqueles que viven dun salario mínimo ou que teñen unha pequena empresa ou unha hipoteca xa non resulta tan entendible.
Sexan felices se poden e teñan coidado coas estas loucas calores de agosto.