Certamente é así. A situación esta na que andamos, aínda estrañados de vernos e tocarnos, tróuxonos tantas novidades que ocultou moitísimos proxectos, moitísimas causas e cousas que estaban por facer, por falar, por arranxar e darlles traza. Ese silencio é maliciosamente perverso cando oculta intencionadamente males que afectan a moita xente. Falo, de que esta trama de confinamento que nos obrigou a recluírnos e estar parados, inmobilizados, dirixidos, controlados, etc. trouxo consigo moitas outras molestias colaterais das que debemos ser conscientes, agora que veñen as eleccións, por tanto que nos afectan. Non só falo de cuestións como as do cambio climático, ou das mordidas que lle pegaron -e agora son tan notables e evidentes- na sanidade, na educación, na dependencia, na lei de seguridade, aquela que nos deixaba espidos diante dun informe que puidera ser mentido da policía, ou aqueloutras leis de tanta precariedade laboral, case escravismo, que aínda non foron emendadas tal como prometeran os titulado do poder. O problema é que, por riba desas cuestións que son moi importantes, hai outras que quedaron relegadas ao silencio, ese intencionado en maledicencias, e non por iso deixan de ser tamén moi importantes. Quedaron ocultas cifras de altísima prostitución, sen o regulamento debido, con cifras nas que se agacha todo ese consumo de pago machista e de violacións e agresións sexuais de todo tipo, de drogas e consumos que se moven tamén nese circuíto que campa poderoso en tramas de corrupción expansiva que chega ao poder. Non se volveu falar dos presos políticos, supostos por razóns ideolóxicas, que están esquecidos de xustiza e “preventivamente” inculpados por sospeitas, sen ese dereito de presunta inocencia que a “outros” lles serviu de panacea para saír e pasearse, burlándose de todos. Hai casos que mesmo os medios ocultaron moi habilmente. Pero estes presos son os “nosos” presos políticos, sen delitos ás costas, senón en supostos daqueles informes sospeitosos un día emitidos irregularmente e sen contrastar feitos e evidencias. A grande cantidade de xente en precario total e absoluto, desas persoas que teñen risco severo de pobreza. Nin que dicir ten a cuestión de todas aquelas persoas que tiveron que emigrar e viven situacións esperpénticas, lonxe da orixe, por mor dos medos estranxeiros e preventivos, que as sinalan na súa desconfianza (entre 1999 e o 2018, foron douscentos corenta mil menores de 34 anos, galegos pasando eses amargos tragos e sen ningunha iniciativa que os volva á súa terra). As persoas que viñeron confiadas, na nosa civilizada humanidade, e sofren entre nós, o dedo sinalado do racismo e da incomprensión. Con todo iso, aínda hai problemas estruturais que nos ofenden e que se deixaron de ter en conta, sumados ao escravismo laboral, as enfermidades e fames a nivel mundial, a falta de recursos en tanto terceiro mundo, á contaminación mundial que volve ser un exceso prepotente dos de sempre, e que ninguén reparou no remedio eficaz, sen combustión fósil, ou -agora estamos ben sabidos- do negocio das farmacéuticas que seguen a pensar en cifras e en beneficios económicos e non sociais, as grandes empresas que miran máis os sectores de produción e de turismo, do inmobiliario antes de facer cómputo humano para recompoñernos e saber rectificar antes de que sexa moi tarde. Cómpre apostar pola investigación científica, pola educación, saúde. Trátase de saber volver aos temas de xustiza e humanidade, de dereitos humanos afondando neles e, tendo aprendida a lección, non esquecer, como sempre pasa, ás persoas que por calquera razón foron marxinadas. Sen caer na tentación do control restritivo, un tanto autoritario, ao que lles gustaría someternos. Así imos, algo levados aínda desta negación, confiados que os nosos representantes saiban consideralo, acorden a dignidade do que somos e non se queden no canto das promesas que logo, xa dentro, esquecen. Como vén sendo habitual.