Ponteareas | O pleno municipal do pasado 13 de maio supuxo un indicador clave sobre o clima de tensión e de confrontación política in crescendo que se vive dentro da Corporación Municipal de Ponteareas a escasos días de celebrarse a Festa do Corpus, recén catalogada como Ben de Interese Cultural.
Con varios temas na mesa, a tensión derivou nunha aguda confrontación dialéctica durante este pleno. A causa foi a xestión sanitaria do goberno municipal conformado polo PP, ACiP e IP e a situación do novo Centro de Saúde que o voceiro do BNG, Miguel Bouzo, cualificou de “caótica”.
Bouzo tamén criticou a decisión do goberno local de Nava Castro (PP) de ceder terreos á Xunta de Galicia para a construción deste centro de saúde “en fronte da clínica privada directamente relacionada” coa concelleira Raquel Planas (PP)
A resposta de Plana
A inmediata resposta da concelleira a Bouzo foi dunha ameaza insultante: “ti e eu ímonos ver no xulgado por imbécil, tío”; incluso cualificándoo de “impresentable” e de “manipulador”.
Posteriormente, mediante comunicado emitido polo Concello o 15 de maio, a concelleira Plana pediu publicamente “desculpas polas miñas desafortunadas verbas do pasado pleno extraordinario da corporación municipal”. Con todo, Plana deixou claro que “os meus compañeiros de partido avogamos sempre polo diálogo, polo consenso e polo entendemento, algo que determinados grupos políticos, como os da oposición en Ponteareas, non saben ou non queren entender”.
Tras dar por “zanxada a cuestión”, a concelleira cualificou de “infundadas” as “fortes acusacións” na súa contra, as cales aparentemente serían produto “dunha campaña de mentiras, difamacións e desprestixio persoal e profesional por parte de distintos edís e grupos da oposición, que levan meses repetindo a falacia de que eu ou a miña familia temos intereses persoais na parcela do novo centro de saúde de Ponteareas”. Tamén afirmou que “o único obxectivo que ten esta oposición municipal é o de tentar desestabilizar a un goberno que en poucos meses está devolvendo a esta vila ao lugar que merece”.
Fronte común opositor pide a dimisión de Raquel Plana
Ante esta situación, a oposición conformada polo BNG, PSdeG-PSOE e Ponteareas en Común (PeC) convocou a unha rolda de prensa este 15 de maio para protestar por este clima “de insultos antidemocráticos, actitudes e boicot por parte do goberno ao labor da oposición”.
O comunicado conxunto foi explícito ao solicitar “a dimisión inmediata de Raquel Plana como concelleira da Corporación Municipal. De non facelo motu propio, os grupos da oposición rexistraremos unha iniciativa conxunta para propor no pleno ordinario do 28 de maio a súa reprobación e solicitarémoslle á alcaldesa que a cese das súas funcións”.
Tras indicar os insultos que Plana emitiu de “manipuladores” e “patéticos” contra os concelleiros e concelleiras opositores e críticas contra o goberno municipal por non ceder o espazo correspondente dentro do Concello para realizar a rolda de prensa, os partidos opositores acusaron ao goberno municipal de “comportamento antidemocrático; impedimentos para acceder a documentación básica, interrupcións, provocacións e faltas de respecto nos plenos e dificultades para participar no día a día da vida política da nosa vila”.
A RPT tamén crea fricción
Pero non son só o Centro de Saúde e a xestión sanitaria as causas do casus bellis entre goberno e oposición. A contratación de persoal tamén entra no clima de tensión política.
O BNG amosou o seu frontal rexeitamento á aprobación definitiva da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) de Ponteareas publicada o pasado 8 de maio polo Boletín Oficial da Provincia e no que, en opinión dos nacionalistas ponteareáns, “busca consolidar a colocación do cuñado da alcaldesa no cadro de persoal municipal, cun novo informe dunha concelleira que desdí un anterior”.
Expresaron que “á vista de que poderían incorrer en fraude de lei, a concelleira volve facer un informe xustificando que si estivo no departamento, e sinala que realizou oito tarefas en oito meses. A realidade é que se dedicou á propaganda, fotografía e comunicación do goberno local”. O BNG lembrou que estas prácticas contan “coa implicación das mesmas persoas que hai décadas xa protagonizaban escándalos de enchufismo e corrupción na administración local xunto ao pai da actual alcaldesa, José Castro”.