-Valore as opcións do PSdeG de cara as municipais de maio. Teme unha campaña dura por todas as frontes?
-O que sabemos é que onde gobernamos, os nosos alcaldes se consolidan e están en condicións de repetir os seus mandatos; mentres que onde gobernan outras forzas políticas hai maiores dificultades. Temos que traballar para seguir avanzando posicións, e estamos preparados para calquera tipo de campaña por parte doutras forzas.
-Houbo unha sorpresa na elección de candidato á alcaldía en Santiago, Sánchez Bugallo, que xa foi alcalde, todo logo dunha negociación entre dúas precandidaturas. Considera que este tipo de elección de candidato dá unha imaxe plenamente democrática do partido de cara á militancia?
-En Santiago abriuse un proceso de primarias, e os dous compañeiros que se manifestaron dispostos a presentarse acordaron sumar esforzos porque crían que iso reforzaba ao PSdeG de cara a alcaldía. Temos, por tanto, unha opción potente dos socialistas compostelanos de cara ás próximas municipais, encabezada por quen foi un alcalde de referencia e que incorpora a compañeiros cunha destacada traxectoria política e profesional, como o decano da facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte. Todo iso, nun proceso que se levou adiante con total transparencia e con toda a ilusión e a forza do partido en Santiago.
-Conta cunha nova maioría absoluta para o partido en Vigo?
-O alcalde de Vigo está volcado no seu traballo municipal. Tivo unha maioría moi ampla nas últimas eleccións locais e está en condicións de acadar un apoio amplamente maioritario nas próximas, porque é un referente da política municipal e un alcalde moi valorado e querido polos vigueses e as viguesas polo seu compromiso coa cidade.
-Por que o PSdeG rexeita a comisión de investigación sobre o Marisquiño?
-O PP quere aproveitar un feito que aconteceu na cidade de Vigo para erosionar e atacar ao alcalde, tal e como amosa a apertura da comisión de investigación sen ter recibido a documentación pertinente de forma previa. Os socialistas non podemos deixar que o PP utilice as institucións con fins electoralistas, e cremos que o conxunto de forzas da esquerda non deberiamos caer nas estratexias do PP, orientadas a desgastar ás forzas de progreso.
-E sentaranse para a comisión sobre sanidade no Parlamento?
-Os socialistas promovemos unha comisión de investigación sobre os recortes na sanidade pública e os efectos que teñen sobre a cidadanía, e a nosa vontade e desexo era que funcionase e estar presentes na mesma. Sen embargo, o PP optou por utilizar a súa maioría na Cámara para seleccionar aos comparecentes que eles preferiron e pechar a posibilidade de que falasen sectores e cidadáns moi relevantes para analizar a sanidade pública. Non podemos caer na trampa do PP de asistir como convidados de pedra a unha comisión que manipula e terxiversa a realidade; non podemos caer na trampa de estar presentes onde o PP quere gobernar ao seu antollo.
-De cara ao partido a nivel estatal, conta que o PSdeG ten peso abondo dentro do PSOE? Ve que a súa secretaría xeral lle está dando un novo pulo ao partido de cara a Ferraz?
-A coordinación da dirección do PSdeG coa dirección federal é positiva e fluída. Eu apoie a Pedro Sánchez de xeito moi claro no proceso de primarias e no congreso federal, e dende logo estamos impulsando a nova etapa do PSOE en España con toda a nosa forza.
Na medida en que sempre queremos ter un PSdeG coa maior forza e co maior peso posible, neste último ano o PSdeG se ten convertido nun partido máis musculado, con maior presenza e con maior forza, que está recuperando o espazo electoral de forma importante.
-Cre que o goberno de Pedro Sánchez está facendo o traballo suficiente para consolidar o proxecto que encabeza ou iremos a eleccións xerais?
-O goberno de Pedro Sánchez está facendo un bo traballo en circunstancias complexas, porque non ten maioría e porque está sufrindo unha campaña de acoso e derribo. Na medida en que as condicións permitan gobernar, ese é o mellor escenario para o país, pero hai que estar aberto a outro escenario que se poida producir. En todo caso, cando haxa eleccións, seremos primeira forza.
-Ve o papel de Podemos en Madrid como unha alianza moi condicionante para o Goberno actual?
-Neste momento hai un goberno para a maioría e enfrente hai unha fragmentación do centro dereita, e as forzas de esquerda teñen que entender que os millóns de cidadáns que as votaron queren que o goberno de progreso resista fronte ao ataque da dereita. Nesa liña, todas as forzas de esquerda deben colaborar, e nós temos esa disposición de colaborar.
-E a alianza cos nacionalistas?
Nós non somos nacionalistas, pero respectamos ás forzas nacionalistas que entender a importancia de cumprir as normas do Estado de Dereito. A partir de aí, o goberno ten abertos pontes de diálogo, pero sempre con respecto á lei, e neste momento a alianza fundamental é coa cidadanía de esquerdas.