-Se asume a presidencia da Xunta de Galicia, ampliación de competencias ou reforma estatutaria?
-Nós temos un compromiso galeguista e co autogoberno galego. Haberá que modernizar os mecanismos estatutarios que definen as competencias da Xunta dentro do modelo do Estado das Autonomías e, cando se dean as condicións, avanzar na reforma estatutaria. Neste momento, o escenario xeral é de debate sobre a posible reforma da Constitución e a incorporación das distintas nacionalidades no modelo político español, e nós estamos abertos a avanzar cando ese proceso se abra.
-Promovería unha nova lei electoral galega diminuíndo as porcentaxes para poder ter grupo parlamentario?
-Calquera debate sobre as normas e o sistema electoral hai que afrontalo en plenitude cando existan maiorías para facelo. Na actualidade, esas condicións non se dan, de xeito que temos que traballar para cambiar a maioría do PP coas regras establecidas, que nos poden gustar máis ou menos.
-Está aberto a todas as posibilidades de negociar, no caso de darse a circunstancia, un goberno progresista?
-O que nos preocupa é que haxa unha maioría de esquerdas e pechar o ciclo político do PP. Nós somos unha forza de esquerdas con capacidade de goberno e de diálogo, pero, máis alá de falar agora deses plantexamentos, o que temos é que convencer aos galegos e ás galegas de que hai que promover un cambio político.
-Que ofrecerá no seu programa para abordar temas como o emprego, a economía, a emigración de xente nova e a educación así como o envellecemento poboacional? Isto afecta ao futuro máis inmediato do país. Eliminaría a educación concertada?
-Os socialistas galegos estamos traballando nun proxecto de país comprometido plenamente con Galicia, que teña claro a importancia dos obxectivos da igualdade de oportunidades, da revitalización demográfica e da revitalización económica. O noso proxecto basearase en tres grandes piares. En primeiro lugar, nunha política económica activa que permita incorporar unha política industrial propia e facer avanzar as políticas de I+D+i; porque unha política económica potente permitirá dinamizar os núcleos máis activos da economía galega e darlle pulo ao escenario urbano da Galicia na que vivimos. En segundo lugar, cómpre desenvolver unha política de medio rural que aposte polo equilibrio interterritorial, pola modernización do sector primario, polo coidado do noso medio natural dacordo a formulacións de desenvolvemento sostible. Feijóo abandonou o medio rural galego e hai que solucionar este déficit que afecta á Galicia interior e aos pequenos concellos, e que por extensión xera debilidades que acaban afectando ao conxunto de Galicia. En terceiro lugar, os socialistas somos o mellor garante do desenvolvemento dunha política claramente comprometida no social, fronte aos recortes que o PP aplicou de forma continuada ao longo dos anos de goberno de Rajoy e de Feijóo. A sanidade pública sufriu un deterioro e un retroceso como nunca tivera, as axudas á dependencia foron afogadas e non hai impulso no sistema educativo. Para todo iso, e tamén coa intención de igualar os dereitos de homes e mulleres, cómpre apostar polos servizos públicos de compoñente social. En torno a estas tres bases, é necesario configurar un gran proxecto de país que teña un claro contido de esquerdas e que sexa atractivo para convencer a unha ampla maioría social de galegos e galegas.
-Sobre a sanidade, cales son as propostas do PSdeG? Retornaría ao sector público elementos privatizados na sanidade? Eliminaría o concerto coa sanidade privada?
-O compromiso dos socialistas coa sanidade pública é pleno, e é certo que cando haxa un cambio de goberno atoparemos unha sanidade pública en peores condicións da que Feijóo recibiu do goberno socialista presidido por Emilio Pérez Touriño. Cremos que hai que corrixir todas as disfuncionalidades, privatizacións e precarización do emprego sanitario que nos deixa Feijóo, así como apostar pola atención primaria e por mudar aquelas bases do sistema que dan poder excesivo aos ámbitos privados. Feijóo implicou un retroceso na sanidade pública galega e os socialistas somos a mellor garantía de que o sistema público de sanidade poida avanzar e progresar en condicións de igualdade para toda a cidadanía.