Ás veces hai acontecementos inesperados que termina alterando situacións de crises políticas. Vémo-lo hoxe en día co laberinto existente na dereita española, en particular no caso do PP. A caída de Pablo Casado tras un escuro escándalo de espionaxe contra a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz-Ayuso (afectada tamén por un escándalo de corrupción que involucra ao seu irmá) é un capítulo mais da crise na dereita española.
Este contexto descifra un pulso interno de poder que eventualmente podería decantarse a favor doutro actor inesperado: o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen xa parecía ‘fora de xogo’ nesa liña de dirección do PP e agora eríxese como o aparente ‘salvador’.
A caída en desgraza de Casado quedou en evidencia a través de presións dos ‘baróns’ rexionais do PP levando a dimisións no seu entorno, destacando o do ata agora nº 2 do PP, Teodoro García Egea, acusado de ser o cerebro do escándalo de espionaxe contra Ayuso. Casado xa é historia e anúnciase a figura de Feijóo como posible novo líder do PP español. Este cálculo ten tamén incidencia na política galega, xa que adiantaría a era “post-Feijóo” na Xunta de Galicia de cara ás eleccións autonómicas 2024.
O terremoto no PP acontece tras as eleccións en Castela León, onde o PP gañou sen maioría e agora ábrese a etapa de negociacións cun VOX en ascenso. Feijóo non quere pactos con VOX e aposta polo centrismo nun PP en recomposición trala etapa Casado. E se miramos o panorama ibérico, na veciña Portugal, o Partido Socialista obtivo nas eleccións parlamentarias do pasado 30 de xaneiro unha histórica maioría absoluta con António Costa reelixido como xefe de goberno. A dereita do PSD tamén están en crise toda vez Chega!, o “VOX” portugués, gaña terreo no espazo político luso.
Pero a crise no PP e o complexo momento político español viuse subitamente alterado por unha crise internacional que viña alertándose dende fai meses: a invasión militar rusa da Ucraína, probablemente a peor crise de seguridade en Europa desde 1939. E aquí observamos tamén a polarización de ópticas mediáticas en España: da atención sobre cando acontecerá a caída de Casado á probable atención sobre qué pasara na Ucraína trala invasión decretada por Putin.
“Pero a crise no PP e o complexo momento político español viuse subitamente alterado por unha crise internacional que viña alertándose dende fai meses: a invasión militar rusa da Ucraína”
E aquí soa tamén outro nome inesperado: Volodímir Zelenski, o presidente ucraíno, un ex actor cómico que chegou á presidencia e agora practicamente eríxese como o ‘defensor de Occidente’ ante a agresión rusa.
Alén do baile de nomes políticos, a crise ucraína determina unha reflexión, se cabe, sobre o papel internacional de España: está preparada para esta ‘nova orde mundial’ trazada pola crise ucraína? Porque a xeopolítica global que se abre agora define igualmente unha guerra económica entre Occidente, Rusia e China, e que ten no conflito de Ucraína un capítulo estratéxico.
Ucraína, que non é membro nin da UE nin da OTAN, historicamente é considerado como ‘o graneiro de Europa’, que consume un 29% da produción de cereais ucraínos. Toda vez a invasión militar rusa tenta asegurar esferas de influencia na Ucraína para abortar a expansión da OTAN, Putin quere facer de Ucraína o territorio de tránsito dos seus proxectos enerxéticos cara Europa, o seu principal consumidor de gas natural e petróleo.
As sancións occidentais contra Rusia trala invasión a Ucraína deron paso a unha audaz ‘viraxe asiática’ por parte de Putin con China. Así, Beijing e Moscova tamén achegan posicións tendentes a propiciar o final da era hexemónica do dólar e a posibilidad de regresar ao ‘patrón-ouro’ ou dar curso ao ‘bitcoin’ e ás criptomoedas como nova referencia financeira mundial.
Un dato: China é un dos principais produtores mundiais de criptomoedas. Outro deles é Kazajistán, ex república soviética centroasiática que recentemente logrou superar unha crise interna grazas á intervención militar rusa. EEUU e a Unión Europea lanzan sancións contra Rusia buscando illa-la en represalia pola invasión a Ucranía.
Así, Rusia sería apartada do sistema SWIFT, que rexe as trasaccións bancarias e financeiras a nivel global. Pero a sintonía ruso-china, tamén con matices, da a entender a previsible asunción dun novo sistema económico que desafíe a hexemonía occidental.
Xorden interrogantes ante este panorama: coas sancións occidentais, é posible desconectar da economía global a un país como Rusia, produtor de materias primas esencias como o gas e a minería? Como queda España neste pulso xeo-económico entre EEUU, China e Rusia, onde Europa non ten a batuta?
Toda vez o petróleo sube os US$ 100 e inflación e o encarecemento da vida son perceptibles, vemos como a prudente posición de China no conflito ucraíno lle permite manter unha posición distante tendente a observar cómo Occidente (EEUU, Europa e a OTAN) e Rusia se desgastan na crise ucraína. Sacará China proveito disto?
“España obsérvase na periferia desta ‘nova orde mundial”
Se analizamos este contexto, España obsérvase na periferia desta ‘nova orde mundial’. Como premio mínimo pola súa ‘fidelidade’ cara a OTAN na crise ucraína, Madrid celebrará o vindeiro verán o Cumio da OTAN. Pode que alí vexamos novas admisións, como Suecia e Finlandia, ameazadas agora por Putin.
Pero a posición española seguirá a ser irrelevante neste pulso global. Mentres Pedro Sánchez segue buscando a foto con Biden, Casado xa nin sairá na foto do PP, moi probablemente opacado por un Feijóo que, inesperadamente, ve agora unha ‘segunda oportunidade’ para liderar o ‘novo PP español’.
A política, como a vida, da moitas voltas.