Ourense | Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a desidia e a falla de interese do goberno PP – DO por todo o que ten que ver co termalismo non ten límites.
Logo de levar semanas anunciando a reapertura inminente das instalacións ao carón do Río Miño, a día de hoxe, nada se sabe de cando poderán finalmente estar en funcionamento.
Para o BNG, o que resulta máis grave é a situación na que se atopa a piscina termal das Burgas. Segundo a concelleira Rhut Reza, “estamos ante unha instalación que precisa dunha importante intervención para a súa adaptación á normativa galega”, ao que engade, “a día de hoxe e segundo puidemos constatar no BNG, o concello xa conta con todos os informes e autorizacións precisas desde hai días sen que polo momento se teña avanzado na tramitación para a contratación das obras”.
A resposta dada polo goberno Local a preguntas da concelleira Rhut Reza en Xunta de Área, fai referencia ao feito de que cómpre agardar á incorporación do remanente para poder dispor do crédito necesario e poder deste xeito acometer as obras.
Desde o BNG cuestionan que non se esté aproveitando todo este tempo para avanzar administrativamente a través da fórmula, outras veces empregada, da “tramitación anticipada”, o que permitiría licitar e mesmo adxudicar as obras e que estas comezasen en canto se fixese efectiva a incorporación do citado remanente.
Segundo a concelleira Rhut Reza “tramitar anticipadamente permitiría que no momento en que esté o crédito dispoñible as obras puideran comezar, deste xeito perderanse máis meses pois hai que licitar primeiro e adxudicar despois, algo que xa se podería ir avanzando”.
Segundo Reza “esto demostra a falla total de interese do Goberno en materia termal, estamos ante un goberno no que cada un vai ao seu e no que nin existe coordinación nin proxectos e moito menos interese”.