A Guarda/BNG | Froito da preocupación do BNG pola situación do sector pesqueiro galego, a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, e as deputadas da Comisión de Pesca da formación nacionalista no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, mantiveron un encontro coa Asociación de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) e Espadeiros Guardeses, -xunto a representantes do BNG da Guarda-, no que lles trasladaron o apoio do Bloque as súas protestas a respecto da “crise do marraxo”.
“A diferencia de criterio e descoordinación entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o de Transición Ecolóxica provoca unha situación insostible para a frota galega de palangre de superficie dende hai dous anos”, denuncian as nacionalistas, quen lembran que esta frota representa o 85% da europea, polo que instan a acadar unha solución para o sector.
Para o Bloque, a situación de incerteza causada por esta diferencia de criterio e falta de coordinación “non pode pagala un sector que aglutina 125 barcos en toda Galiza e que conta cun total compromiso coa sostibilidade”. Ao seu xuízo, a única conclusión que se extrae desta “total falta de xestión e de sensibilidade dun sector fundamental para Galiza é que a Madrid non lle importa a pesca galega e que incluso hai plan para a destrución do sector”.
Destrución de pesca legal
Nestes dous anos o problema viuse tremendamente agravado, xa que non só existe a imposibilidade de pescar esta especie, senón que a situación se refire tamén as partidas que se atopan nos almacéns frigoríficos á espera dunha solución definitiva, que chega ás 90 toneladas do 2020.
Neste sentido, desde ORPAGU e Espadeiros Guardeses tamén criticaron a situación que viviron algúns armadores, que tiveron que destruír miles de quilos de marraxo pese a ter sido pescados legalmente. “Non é cuestión de descoñecemento da situación, é falta de vontade política para solucionala”, sinalan.
Neste sentido, Miranda, Pérez e González defenderon que o sector “ten que facerse escoitar en Madrid” e entrevistarse directamente con Teresa Ribera e Luis Planas. “A ministra e o ministro teñen que escoitar de primeira man que nos portos galegos se está a producir unha situación absurda: mentres os barcos do resto do mundo descargan marraxo porque os seus gobernos si emiten os correspondentes certificados, o goberno español aínda non fixou os cupos de pesca, polo que se produce unha situación de competencia desleal”, subliñaron.