Bruxelas/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á súa chegada ao pleno do Comité Europeo das Rexións que se celebra no Parlamento Europeo, para recriminarlle que non tivera en conta “a única eurodeputada galega que forma parte da Comisión de Política Rexional na que se decide o reparto de fondos para Galiza” na súa axenda en Bruxelas.
“O Bloque ten sentido institucional para traballar por Galiza no Parlamento Europeo, polo que lamento que non nos tivera en conta na súa axenda”, sinalou Ana Miranda, quen ao respecto criticou que discriminara a representación política galega na Eurocámara e só se reunira con eurodeputados do PP tras participar en diferentes encontros do Comité Europeo das Rexións.
Segundo salientou a eurodeputada do Bloque, a defensa dos intereses dos galegos e galegas pasa por ter en conta as representantes públicos das diferentes forzas con representación que desenvolven o seu traballo nas diferentes Comisións do Parlamento Europeo, como fan noutros territorios. “A falta de respecto institucional é evidente”, afirmou ao respecto.
“Rueda di que se reuniu co Comisario de Pesca para defender o sector galego, pero non pode asegurar que se defende a pesca e, ao mesmo tempo, defender a eólica mariña, que ten como consecuencia a destrución do sector”, manifestou Ana Miranda en relación á reunión que mantivo o presidente da Xunta con Costas Kadis.
“Tal e como xa lle pediu Ana Pontón, ten que aclararse”, sinala a eurodeputada galega.
Pola súa banda, dende a capital galega, o voceiro do PSdeG-PSOE, Julio Torrado, criticou a visita de Rueda a Bruxelas denunciando que, por unha banda, presenta a súa proposta de descentralizar o reparto dos fondos europeos mentes o PP pide no Parlamento europeo unha maior centralización.
Torrado tamén criticou que o PP “bloquea o emprego do galego nas institucións do Estado e da UE”; que non presente propostas nin acordos para a pesca galega e que se reúna coa vicepresidenta Teresa Ribera cando “o PP tentou boicotear o seu nomeamento”.