Cultura e deporte xúntanse nunha nova edición da Carreira Camiño das Letras

A proba terá lugar o vindeiro martes 17 de maio

Santiago de Compostela | O auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, na Cidade de Cultura, acolleu na mañá deste luns a presentación da oitava edición da Carreira Camiño das Letras. A proba terá lugar o vindeiro martes 17 de maio, organizada por Xurdir coa colaboración da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a práctica do deporte e promocionar a cultura galega, ademais de servir como inmellorable escaparate do Camiño de Santiago a través dalgúns dos últimos tramos da Vía da Prata.

Na presentación da proba tomaron parte Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Ana Isabel Vázquez, xerente da Cidade de Cultura; Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón; Esther Pedrosa, concelleira de Deportes de Santiago de Compostela; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA); Ignacio Seijo, director xerente de Xurdir; e Iván Sanmartín, delegado da FGA na capital galega que ademais exerce de director técnico da proba. O acto estivo apadriñado polo presentador e cómico Roberto Vilar.

Iván Sanmartín explicou que, na oitava edición desta proba xa consolidada no calendario atlético, “o que se busca é unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras e tamén co simbolismo do Camiño de Santiago”. A VIII Carreira das Letras constará de dúas probas: unha de quince quilómetros con saída ás 10:00 horas no Pico Sacro, en pleno Concello de Boqueixón, e chegada na Cidade da Cultura; e outra menos esixente, a partir das 10:05 horas, que terá tanto a saída como a meta no propio complexo do Gaiás. Como novidade, inclúense as categorías sub-16 e sub-18 na proba de 5 qm.

Ignacio Seijo, director de Xurdir, agradeceu a aportación de todas as institucións e do sector privado para levar a cabo un proxecto que conleva moitas horas de organización e moito esforzo para que o resultado sexa un éxito. Pola súa banda Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, reiterou que este será “un día de festa, de deporte, de cultura. Un día no que protexeremos o noso Camiño e tamén a nosa lingua galega”.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, amosouse honrado de formar parte desta iniciativa. “Para nós é unha honra ser o punto de partida desta proba. O Pico Sacro é un lugar envolto en lendas e cunha extraordinaria riqueza cultural, natural e paisaxística que os centos de participantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man. Tamén poderán descubrir os fermosos lugares que agocha a Vía da Prata”, explicou, pois a carreira de 15 qm atravesará parte do Camiño de Santiago.

Esther Pedrosa, concelleira de Deportes e Benestar Animal de Santiago ademais de atleta recoñecida a nivel internacional, confirmou que espera ser de novo unha participante máis da proba do vindeiro día 17. “Unha carreira que xa ten tradición, na que xa participei, e que comeza nun concello moi ligado a nós e que termina aquí en Compostela”, afirmou.

O padriño desta edición, o presentador e cómico Roberto Vilar, salientou os obxectivos do evento. “A situación do ser humano agora mesmo é regular. Isto de darlle libros e carreiras á xente é parte importante da solución. Sempre se fala da inversión en sanidade e en educación, pero que a xente lea máis e faga máis deporte para min tamén é parte da solución”, remarcou.

Anxo Lorenzo, en representación da Xunta de Galicia como secretario xeral de Cultura, sintetizou o espírito deste evento: “Vencella as Letras Galegas coa práctica deportiva, cada vez máis estendida no territorio onde habitamos, e todo isto no contexto do Camiño de Santiago. Estes tres vectores están aliñados neste proxecto”.

Participación de luxo con Javier Gómez Noya
O prazo para inscribirse en calquera das dúas carreiras xa está aberto a través do portal carreirasgalegas.com, e permanecerá activo ata as 23:59 deste xoves 12 de maio. Cada dorsal terá un custo de 12 euros na proba de 15 quilómetros e de 7 euros na de 5 qm, e contará tamén cunha vertente solidaria pois un euro de cada inscrición será destinado á Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace). Os participantes recibirán un libro como agasallo, poderán tomar parte nunha degustación de Ternera Gallega ao finalizar a carreira e disporán de servizo de autobuses desde o Gaiás ao Pico Sacro para tomar a saída na proba.

Entre os corredores estará unha das maiores lendas do deporte galego. O triatleta ferrolán Javier Gómez Noya, cinco veces campión mundial e medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, entre moitos outros fitos, será un máis dos centos de deportistas que se darán cita na VIII Carreira Camiño das Letras.