A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, foron recibidos esta mañá polos membros da Real Academia de Belas Artes, co presidente Manuel Quintana Martelo á cabeza, nunha primeira toma de contacto, onde o colectivo reclamou máis espazo no inmoble que ocupan, así como labores de mantemento nel. Pola súa parte, a rexedora manifestou a intención do Goberno local de arranxar edificios emblemáticos como o da praza de Pintor Sotomayor que están “en certo estado de abandono”.
Desde a Concellería de Cultura, o edil comprometeuse a estudar as peticións, dada a importancia dunha academia na que están representados persoeiros referentes da cultura do país. Neste aspecto, Rey sinalou que a visita, que serviu tamén para que asinara no libro de honra, era “obrigada” pola relevancia da institución. Por último, as/os académicas/os tamén solicitaron unha maior promoción das actividades que realizan na axenda cultural do Concello.