Santiago de Compostela | O líder de La Vuelta 21 recibirá, a partir de hoxe, unha Cunchiña ao final de cada etapa; é dicir, un boneco de peluche que representa á mascota virtual do Xacobeo 21-22.
Deste xeito, o portador do maillot vermello colaborará na difusión do dobre Ano Santo no percorrido da competición desde este sábado 21 de agosto ata a chegada á meta na praza do Obradoiro o 5 de setembro.
A mascota virtual do Xacobeo foi ideada inicialmente para o seu uso nas redes sociais, onde acadou unha grande difusión cos seus 32 stikers e con case un centenar de gifs para o seu uso a través de WhatsAp, Facebook, Instagram e Telegram.
Esa presenza virtual do símbolo do Xacobeo refórzase agora coa visibilidade que lle dá o feito de que o líder de La Vuelta 21 recolla a mascota desde hoxe, cando a oitava etapa remate na Manga do Mar Menor, ata o 5 de setembro, cando finalice a competición na praza do Obradoiro logo de realizar as súas tres últimas etapas por terras galegas.
Coa réplica en peluche de Cunchiña para La Vuelta 21, a Xunta quere aproveitar o reclamo que supón a competición deportiva para a promoción do Xacobeo 21-22 e o Camiño de Santiago, xa que se trata dunha oportunidade única para dar a coñecer a súa paisaxe, o seu patrimonio e a súa gastronomía.
A primeira das etapas en Galicia será o 3 de setembro, cun percorrido que atravesará a Ribeira Sacra por Monforte, Lugo e Sarria.
Ao día seguinte, o pelotón percorrerá as Rías Baixas polos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona e Mos, para rematar no alto do Castro de Herville.
O último día, os corredores sairán de Padrón para rematar a competición en Santiago de Compostela, meta de La Vuelta 21 e de todos os Camiños.